O Comité científico do Ministerio de Medio Ambiente resolve por unanimidade que o eucalipto debería erradicarse

[Imaxe: Iain Colquhoun] Eucaliptos

Resolve que existen evidencias científicas abondo que certifican o carácter invasor desta especie.

O Comité Científico Estatal de Flora e Fauna Silvestres do Ministerio de Medio Ambiente resolveu por unanimidade tanto dos seus integrantes como dos expertos consultados que existen abondantes evidencias científicas que certifican o carácter invasor do eucalipto, polo que recomendan a súa inclusión no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras (RD 630/2013), segundo informa Adega. "Calquera especie ou híbrido de Eucalyptus introducida para a explotación forestal debe considerarse potencialmente perigosa para o medio natural e debe tratarse do mesmo xeito, evitando sa súa naturalización e erradicándoa no intre de detectar a súa naturalización”, afirma.

 

"Calquera especie ou híbrido de Eucalyptus introducida para a explotación forestal debe considerarse potencialmente perigosa para o medio natural e debe tratarse do mesmo xeito, evitando sa súa naturalización e erradicándoa no intre de detectar a súa naturalización”

 

O Comité tomou esta decisión após que lle fose solicitada desde o Concello de Teo. Este municipio  como algúns outros en Galiza, aprobou o pasado ano unha moción a prol da biodiversidade e contra a eucaliptización que incluía unha solicitude ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiento  para a inclusión do eucalipto no Catálogo Estatal de Especies Exóticas e Invasoras. Un acordo que o concello trasladou ao Ministerio (Dirección Xeral. de Calidade e Avaliación Ambiental). Desde Madrid responderon ao concello de Teo que probara o carácter invasor do eucalipto, polo queo municipio solicitou un ditame ao Comité Científico Estatal de Flora e Fauna Silvestres.

 

O seu rápido crecemento e alta adaptabilidade a todo tipo de chans, fan que especies de eucaliptos como o E. globulus, E. nitens, E. camandulensis, E. gomphocephala, E. gunnii e E. sideroxylon, entre outras, sexan para o Comité Científico "nocivas para o medio natural dos lugares onde se cultivan". Eis algunhas das razóns: Provocan o empobrecimento das cadeas tróficas, alteran as propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiolóxicas do solo; xeran  perda de biodiversidade tanto vexetal como animal, ou teñen un elevado risco de indendios pola acumulación de follas e a presenza de aceites inflamábeis. Por iso as zonas plantadas con eucaliptos poden entrar nun bucle de retroalimentación (o eucalipto favorece o lume e este favorece ao eucalipto sobre outras especies) que resulta difícil de rachar.