Medio Ambiente

Adeus ao 'brilli-brilli': a UE prohibirá a venda de purpurina e estoutros produtos con microplásticos

A purpurina está entre os produtos cuxa venda a UE vai restrinxir. (Foto: Nós Diario)
O obxectivo da Comisión Europea é reducir nun mínimo de 30% a contaminación derivada destes materiais antes de 2030.

A Comisión Europea prohibirá a venda de produtos aos que se engadiron intencionadamente microplásticos, como deterxentes, cosméticos e xoguetes, entre outros, de acordo coa lexislación comunitaria sobre substancias químicas (REACH) para evitar a liberación dun medio millón de toneladas destas partículas sintéticas. Esta nova norma forma parte dos esforzos de Bruxelas por cumprir o obxectivo de reducir a contaminación por microplásticos en 30% antes de 2030.

A restrición abarca todas as partículas de polímeros sintéticos inferiores a cinco milímetros que sexan orgánicas, insolúbeis e resistentes á degradación, co obxectivo de reducir as emisións de microplásticos intencionais do maior número de produtos posíbel dos que actualmente están no mercado.

O ámbito de aplicación da nova normativa inclúe o material de recheo granular utilizado en superficies deportivas sintéticas; cosméticos nos que os microplásticos se utilizan para usos múltiples como a exfoliación —microsferas— ou a obtención dunha textura, fragrancia ou cor específicos; deterxentes, suavizantes, purpurina, fertilizantes, produtos fitosanitarios, xoguetes, medicamentos ou produtos sanitarios, entre outros moitos.

Prazos e excepcións á norma

Os produtos empregados en emprazamentos industriais ou que non liberan microplásticos durante o seu uso estarán exentos da prohibición de venda, pero os seus fabricantes deberán dar instrucións sobre como utilizar e eliminar o produto para evitar as emisións de microplásticos.

As primeiras medidas, como a prohibición de purpurina non adherente e microsferas, empezarán a aplicarse cando a restrición entre en vigor, é dicir, dentro de 20 días. Noutros casos, a prohibición de venda aplicarase pasado un período máis longo para dar ás partes afectadas tempo para desenvolver alternativas e aplicalas.

Ademais, cando estea debidamente xustificado, aplicaranse excepcións e períodos transitorios para que as partes afectadas adáptense ás novas normas.