A Comisión Europea estudará as denuncias contra a Xunta e o Estado por "vulneración" de normas comunitarias cos eólicos

Mobilización de Adega e BNG diante da sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Fani Alonso)
Adega e o BNG trasladaron nesta cuarta feira á Comisión Europea as súas denuncias contra os gobernos español e galego por "vulneracións reiteradas" de diferentes normas comunitarias en relación á implantación de parques eólicos. 'Nós Diario' tivo acceso aos documentos e debulla as súas chaves.

O “espolio eólico” denunciado polas máis de 200 entidades que conforman a coordinadora Eólica Así Non dá un paso máis e chega a Bruxelas. Unha delegación de Adega reuniuse nesta cuarta feira na capital da Unión con altos representantes da dirección xeral do Medio Ambiente da Comisión Europea, nomeadamente o responsábel da unidade de Conservación da Natureza, Nicola Notaro, e membros do departamento legal da Comisión, nun encontro organizado pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, co obxectivo de trasladar dúas denuncias contra os gobernos español e galego por “vulneración de directivas comunitarias”.

Por parte de Adega, defenderon a proposta a súa secretaria executiva, Belén Rodríguez; o secretario técnico, Fins Eirexas, e o seu vogal de Dereito, Fernando de Abel, co seu equipo. Segundo puido saber Nós Diario, a Comisión Europea comprometeuse a estudar con detemento —dentro das súas competencias— estas denuncias e a abrir un diálogo co Goberno español antes do remate do ano para determinar se há lugar ou non a iniciar un procedemento de apercibimento.

Acceso á información

No que atinxe á denuncia pola vulneración do dereito á participación pública, segundo consta no informe de máis de 400 páxinas presentado ao ente comunitario e ao que tivo acceso este xornal, teríase incumprido na Galiza en numerosas ocasións a directiva 2003/4/CE, referida ao acceso público á información ambiental, nos expedientes de tramitación de parques eólicos como os de Valdepereira e Pico Seco (Lalín e O Irixo) ou o de Monte da Neve, e así até unha vintena, segundo ten documentado a organización.

Falan as ecoloxistas neste punto sobre a Lei de simplificación administrativa impulsada en 2021 pola Xunta e a precedente Lei de fomento de iniciativas empresariais, coñecidas como ‘Leis de depredación’, que “elimina garantías por intereses propios das compañías enerxéticas” e deixa a cidadanía galega “nunha situación de indefensión”, sinalou Belén Rodríguez.

Avaliación dos proxectos

Tamén alerta Adega da vulneración do disposto no artigo 6 da directiva 2011/92/UE, sobre a avaliación das repercusións sobre o medio ambiente deste tipo de proxectos. A entidade alude á recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza sobre o repotenciamento do parque eólico Corme, “porque a Xunta non puxo a disposición da cidadanía todos os informes sectoriais que tiña no seu poder e recurtou ilegalmente os prazos de exposición pública para presentar alegacións”.

Fragmentación "artificial"

Outra das cuestións trasladadas á Comisión Europea é a “fragmentación artificial” de proxectos e o consecuente “prexuízo” á hora de avalialo a nivel de impacto ambiental, exemplificado por Adega no caso dos parques de Greenalia Bustelo, Campelo e Toural (Vimianzo), cuxas circunstancias xa puxo con anterioridade en coñecemento da Xustiza. Tamén o do parque Sasdónigas (Mondoñedo), cuxa autorización foi tombada recentemente polo Tribunal Supremo. “Temos xa tres sentenzas, dúas ratificadas polo Supremo, que sinalan abertamente a infracción do dereito comunitario”, precisou Fernando de Abel.

Reunión de Adega e BNG coa dirección xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea. De esquerda a dereita, Montse Calvo, Fins Eirexas, Fernando de Abel, Ana Miranda, Belén Rodríguez, Rosana Pérez, Nicola Notaro e Lucía Iglesias. (Foto: Fani Alonso)

O mesmo proxecto de Sasdónigas foi obxecto, segundo consta no mesmo informe de Adega, da vulneración do artigo 5 da directiva 2011/92/UE sobre a presentación de alternativas aos impactos recollidos nas declaracións de impacto ambiental.

Espazos protexidos

Pola súa parte, Fins Eirexas salientou que o Plan Sectorial Eólico da Galiza foi aprobado en 1997, cando xa se instalara boa parte da potencia eólica. Aliás, no territorio que abrangue a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 —conxelada desde hai máis dunha década— están proxectados varios parques, como é o caso da serrra do Xistral. Tamén fixo énfase, na mesma liña, nas infraccións referidas ás normativas comunitarias de hábitats (92/43/CEE) e aves (2009/147/CEE).

Recortes na participación

No que respecta ao Estado español, as ecoloxistas lamentan que o real decreto de medidas para afrontar as consecuencias da guerra en Ucraína “contravén a directiva 2011/92/UE” e “supón de facto a aniquilación e diminución dos dereitos de participación”. Así, salienta que os artigos 6 e 7 exclúen inicialmente o procedemento de avaliación ambiental para as instalacións eólicas cunha potencia instalada inferior a 75 megawatts (MW).

"Estamos a favor da eólica, mais dunha forma sostíbel"

Tanto a delegación de Adega como a do BNG, encabezada por Ana Miranda, puxeron o foco en que defenden "a implantación de enerxías renovábeis e a substitución das fontes fósiles", se ben incidiron en que o modelo actual, con "centros de macroeólicos en tramitación", resulta "danino" para o medio ambiente e a propia calidade de vida das persoas.

"Non se está a ter en conta o interese xeral da cidadanía e é un problema de enorme gravidade, xa cos gobernos español e galego permitindo a vulneración de normativas comunitarias", dixo Miranda, que prometeu que o Bloque seguirá a defender os intereses da Galiza contra o "espolio eólico" desde Bruxelas.