A Comisión Europea considera ilegal a ampliación da concesión da AP-9

A ponte de Rande, integrada na autoestrada AP-9, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
O Estado ten dous meses para presentar alegacións, mais a dureza dos argumentos da Comisión Europea e a advertencia a Italia de xudicializar o proceso pola mesma ilegalidade, dificultan que España poida xustificar até tres ampliacións en contra da lexislación da Unión Europea.

O Estado español “incumpriu as obrigas que lle atinxen en virtude das normas de contratación pública da UE” pola ampliación da concesión da AP-9, sentencia unha carta enviada onte pola Comisión Europea ao Executivo encabezado por Pedro Sánchez, co fin de “garantir a correcta aplicación das normas da Unión Europea (UE) en materia de contratación pública e contratos de concesión”.

Esta extensión “sen iniciar previamente un procedemento de licitación pública”, salienta a Comisión, é contraria á lexislación da UE, que estipula que “a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante licitación”.

O Estado ten dous meses para responder as alegacións do órgano executivo da UE, que considera ilegal a ampliación. De non obter contestación enviaría directamente un ditame.

A decisión da Comisión Europea chega despois da demanda da plataforma En Colectivo, que denunciou as prórrogas aprobadas nos Gobernos estatais da Unión de Centro Democrático (até 2013), PSOE (até 2023) e Partido Popular.

A prórroga máis longa foi concedida durante a xestión desta última forza política, con José María Aznar na Presidencia. Daquela, no ano 2000, outorgouse a Audasa unha prórroga até 2048.

Desde que a autoestrada foi inaugurada en 1979, Audasa recadou en peaxes máis de 3.000 millóns de euros, segundo as contas da empresa. Malia que a concesión orixinal tería rematado en 2012, a ampliación permítelle estimar que obterá arredor de 13.000 millóns de euros máis até que expire o prazo asinado por Aznar.

Feixoo xustifica as ampliacións

Cando se fixo pública a resolución da Comisión Europea, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, aseverou que non coñecía a decisión e limitouse a sinalar que tanto PSOE como PP fixeron cadansúa ampliación, e “en ningunha das dúas ocasións saíu a concurso”.

Aliás, xustificounas polos acordos coa empresa para liberar de peaxe determinadas zonas, a do “goberno socialista para facer gratuíto o tramo Rande-Puxeiros e outra do PP para facer gratuíto o treito Fene-Ferrol”.

En todo caso, o Executivo español “terá que responder a ese expediente e motivar por que fixo isto a Administración central, tanto se estivera gobernando o PSOE como o PP”.

“A concesión non cumpre coa legalidade, é o que din as autoridades comunitarias, e, polo tanto, hai que poñerlle fin”, incidiu a líder da oposición e voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, que fixo un chamamento a aproveitar a situación e acabar cunha "estafa" que supón un lastre para “a economía das familias, das empresas e tamén a recuperación económica nun momento de crise como o que vivimos”.

Asemade, subliñou que “a maior parte das autoestradas coetáneas da AP9 xa están libres de peaxes ou están a punto de caducar”, polo que é tempo de escoitar as reclamacións da maioría da cidadanía, compartidas polo BNG.

O vicevoceiro do Partido dos Socialistas da Galiza no Parlamento, Pablo Arangüena, asegurou que a ampliación “é un regalo de 25 anos de Aznar á concesionaria que Feixoo nunca cuestionou”, sen mencionar a prórroga impulsada polo PSOE.

Na resolución tamén se inclúe a Italia, que xa recibira un veredicto na súa contra por parte do Tribunal de Xustiza comunitario por ampliar a duración dunha concesión á empresa Società Autostrada Tirrenica p.A “sen iniciar un proceso de licitación”, co cal tería infrinxido a Directiva 2004/18/CE sobre contratación pública.

Dous anos despois, aínda non se tomaron medidas para executar o fallo, polo que advirte que ou o aplica axiña, ou levará o caso de novo perante o Tribunal de Xustiza da UE.