A Comisión da Memoria Histórica urxe Sada a reabrir o Pazo de Meirás

O Pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado, en 2020.(Foto: M. Dylan / Europa Press).
Tras o incidente con Oleiros a CRMH acusa o Concello de impedir visitas ao Pazo.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña acusou esta quinta feira o Goberno local de Sada de realizar unha "suspensión premeditada" das visitas ao Pazo de Meirás.

Apuntan que esta situación ocorre desde que no consistorio se produciu a moción de censura pola que accedeu á Alcaldía a ex edil de Alternativa dos Veciños, María Nogareda -en substitución de Benito Portela, de Sadamaioría- xunto a ex edís do PP e do PSdeG.

A través dun comunicado, aseguran que desde o novo Goberno local están a pór "todo tipo de trabas".

Afirman que o Concello "evita a celebración de visitas a colectivos" tal e como explica a denuncia feita polo Concello de Oleiros sobre as escolares antonte.

Visitas "conveniadas"

A CRMH incide en que estas visitas ao Pazo de Meirás están "conveniadas" co Estado español, delegando este no Concello de Sada a organización dos horarios e dos percorridos.

Por este motivo exixen ao Concello que realice unha "rectificación inmediata" e á Xunta da Galiza e á Administración española "que garantan o cumprimento do réxime de visitas" ao inmóbel.