Comeza a rodaxe do filme sobre Reboiras coa entrevista a Elvira Souto e a Lois Ríos

Os momentos previos á gravación.

Arrancan os traballos de filmación da película que en 2020 levará á pantalla a vida de Moncho Reboiras. O equipo comezou coa gravación da primeira das entrevistas. Unha conversa conxunta ás dúas últimas persoas que Reboiras se atopaba antes de ser asasinado: Elvira Souto e Lois Ríos.

Comeza a conta atrás para que o filme que levará ás pantallas en 2020 a traxectoria de Moncho Reboiras sexa unha realidade. Esta sexta feira iniciáronse en Teo os traballos de filmación coa primeira das entrevistas: a Elvira Souto e Lois Ríos, as dúas últimas persoas coas que Reboiras se atopaba antes do seu asasinato. Os tres estaban xuntos o 12 de agosto de 1975 nun piso de Ferrol cando se decataron da chegada da policía franquista e cando tiveron que emprender a fuxida.

O filme, producido pola Fundación Terra e Tempo e dirixido por Alberte Mera, reconstruirá a vida de Reboiras e o seu pensamento a través de entrevistas a máis de 15 testemuñas que partillaron diversas etapas da vida con el e incluirá secuencias audiovisuais que recrearán momentos relevantes na súa traxectoria. Unha recreación coa que colaborará Nós Produtora Cinematográfica Galega. O material de arquivo e a documentación reunida tamén formarán parte da película.

Este será pois o primeiro filme documental sobre o último loitador galego morto en desigual combate contra Franco. Preténdese construír un relato fiel de Reboiras, aquel mozo de conviccións nacionalistas que se converteu moi cedo en destacado membro da clandestina Unión do Povo Galego.

Camiñando cara aos 20.000 euros

Para facer de Reboiras. Acción e corazón unha realidade o ano que vén, cando se fan 45 do asasinato, a Fundación Terra e Tempo iniciou unha campaña de micromecenado -aberta até finais de agosto- coa que busca conseguir 20.000 euros. As achegas realizadas a través da web da Fundación Goteo desgravan entre un 30 e un 75% do importe achegado.

As persoas que desexen participar poderán escoller entre diversas modalidades de achegas (10, 20, 50, 200 ou 500 euros) e en función da opción escollida, recibirán unha serie de obsequios, entre os que figuran a mención nos créditos do filme; un convite para asistir a dúas sesións da rodaxe; un exemplar do filme Reboiras. Acción e corazón, xunto coa reedición do libro Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70; as Obras escollidas de Bautista Álvarez en 3 volumes; o documentario Cine Clube Carlos Varela de Ramiro Ledo e a serigrafía numerada e asinada Xurdeu a luz nunha longa noite de pedra, obra orixinal de Xoán Guerreiro (Xove, 1959), un dos nosos pintores máis recoñecidos no ámbito galego e internacional.

O equipo

O filme documental será o quinto que dirixa Alberte Mera (Vigo, 1987) após as curtametraxes Camiño da Memoria (2011), Deixádeas Pasar (2012) e as longametraxes documentais Clamor da Terra (2012) e Lume Novo (2013), as dúas últimas tamén producidas pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas e publicadas en libro-DVD.

O equipo da película compóñeno Roberto Vilameá, presidente da Fundación Terra e Tempo e responsábel da produción executiva do filme; José Aragunde, director de fotografía; Xosé Lois Ledo, director de produción; Irene Pin, coordinadora de produción, Marco Outeiro e Alberte Mera estarán na edición, Marcos Paino encargarase da edición e da posprodución de audio e a cooperativa Numax que realizará a etalonaxe. Patricia Cid e Daniel Chaves encárganse do deseño multimedia e a xornalista especializada en difusión cultural Paula Cermeño leva a comunicación. O cartel do filme é unha ilustración do artista gráfico Pablo Prado.