O obxectivo: 20 mil euros

Comeza a campaña de micromecenado para o filme de Reboiras

Moncho Reboiras

Na mañá do 1 de agosto deu comezo a campaña de recollida de fondos a través da rede para facer realidade o primeiro filme sobre a vida de Moncho Reboiras, a última vítima mortal da ditadura franquista na Galiza. O obxectivo da campaña que inicia a Fundación Terra e Tempo está nos 20 mil e a película estrearase en 2020, con motivo do 45 aniversario do asasinato daquel mozo de conviccións nacionalistas.

No horizonte, os 20.000 euros necesarios para poder facer realidade a que será a primeira película sobre a vida de Moncho Reboiras, baixo o título Reboiras. Acción e corazón. Para logralo, a Fundación Terra e Tempo iniciou na mañá do 1 de agosto unha campaña de micromecenado que se estenderá ao longo deste mes.

Todas as persoas que desexen colaborar na produción da longametraxe documental -que suporá un retrato fiel da vida de Reboiras desde a vertente humana e política- poden facelo a través desta páxina web de doazóns, que permite desgravar entre un 30 e un 75% do importe doado.

Modalidades

Todas as persoas que colaboren no micromecenado serán consideradas partícipes do audiovisual e serán nomeadas como tal nos créditos. Alén disto, recibirán información puntual sobre os avances dos traballos. Poderán facerse doazóns de 10, 20, 50, 200 e 500 euros.

En función da cantidade achegada, as persoas doantes recibirán distintos obsequios. Quen doe 10 euros será mencionado nos créditos do filme; quen doe 20, recibirá en soporte físico o filme e a reedición do libro Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70 nun novo número da revista Terra e Tempo, acompañada de fotografías da rodaxe e novos documentos. Quen se decante por 50 euros, recibirá, alén do anterior, as obras escollidas de Bautista Álvarez en tres volumes e o documentario Cine Clube Carlos Varela de Ramiro Ledo.

Quen opte pola opción de 200 euros, alén do anterior, será recompensado cunha serigrafía numerada e asinada do óleo/cartón de Xoán Guerreiro Xurdeu a luz nunha longa noite de pedra, Faro de Touriñán alumeando, Xove, marzo de 2014, 50x70 cm. Serie limitada. E quen doe 500 euros, a maiores do anterior, poderá asistir a unha sesión de rodaxe para dúas persoas.

Vida e pensamento

A memoria de Reboiras, que se converteu moi cedo en destacado membro da Unión do Povo Galego (UPG), daquela como partido na clandestinidade, construirase a través da gravación e recompilación de diversos materiais: con máis de quince testemuños de persoas que o coñeceron persoalmente e partillaron con el vida persoal e ou política; coa recreación de momentos clave na súa vida como a fuxida do 12 de agosto ou os últimos momentos no portal; con materiais de arquivo xa existente e documentos recollidos a través do traballo de investigación para a realización do guión e cos espazos que Reboiras habitou, nos que se realizarán parte das entrevistas e inspirarán os escenarios dos fragmentos reconstruídos.

A Fundación Terra e Tempo pon de manifesto que atopa necesario realizar esta peza “para dar a coñecer un anaco da nosa historia recente”. “Un exercicio de xornalismo, investigación e creación cinematográfica que facilita o acceso cidadán a arquivos históricos e impulsa a investigación do noso pasado e presente”.

O público potencial, informa a fundación, é a sociedade galega en xeral, especialmente aquelas persoas con inquedanzas sociais e históricas.

O equipo

Guión e dirección: Alberte Mera

Produción executiva: Roberto Vilameá. Presidente da Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas

Dirección de fotografía: José Aragunde

Dirección de produción: Xosé Lois Ledo

Coordinación de produción: Irene Pin

Son e posprodución de audio: Marcos Paino

Edición: Marco Outeiro e Alberte Mera

Etalonaxe: Numax

Deseño gráfico: Patricia Cid

Deseño web: Daniel Chaves

Ilustración: Pablo Prado

Comunicación: Paula Cermeño

Asesores históricos: Uxío Breogán DiéguezXoán Carlos Garrido.

Produce: Fundación Terra e Tempo

Colabora: NÓS Produtora Cinematográfica Galega