Longametraxe documental

Moncho Reboiras salta ao audiovisual

[Imaxe: Pablo Prado] Ilustración de Moncho Reboiras.
A longametraxe Reboiras. Acción e corazón comezará a rodarse nas vindeiras semanas e estrearase en 2020, levando a vida de Moncho Reboiras á pantalla. Testemuños de múltiples persoas que o coñeceron serán o cimento da primeira película sobre a última vítima mortal da ditadura franquista na Galiza. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza.

Reboiras. Acción e corazón é o título da primeira película sobre a vida de Moncho Reboiras e que verá a luz no ano 2020. Nas vindeiras semanas, o equipo comezará as filmacións desta longametraxe documental que dirixe Alberte Mera García e que produce a Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas. Múltiples persoas que coñeceron de primeira man a Moncho Reboiras e que partillaron con el diversos momentos da súa vida no plano persoal e político participarán no filme documental. Será a través dos seus testemuños como Mera pretende reconstruír a vida e a traxectoria de Reboiras, co obxectivo de crear un retrato fiel do histórico militante nacionalista, do contexto sociopolítico e das iniciativas que dinamizou.

Ademais, o filme incluirá secuencias que recrearán momentos de relevancia na vida de Reboiras e que se realizarán en colaboración con Nós Produtora Cinematográfica Galega. Desta maneira, a obra comporase de entrevistas, da recreación de momentos clave e tamén de material de arquivo xa existente, así como de documentos recollidos a través do traballo de recompilación que actualmente están a desenvolver para a realización do guión e a concepción da obra. Nese sentido, a clave do filme é precisamente a presentación de Moncho Reboiras desde a vertente humana e política.

Xa rematados os traballos da preprodución, comezarán coas filmacións nas vindeiras semanas. As gravacións arrincarán cunha entrevista conxunta ás dúas últimas persoas coas que Reboiras se atopaba antes de ser asasinado: Elvira Souto e Lois Ríos. Os tres estaban xuntos o 12 de agosto de 1975 nun piso de Ferrol cando se decataron da chegada da policía franquista e tiveron que emprender a fuxida.

A equipa de traballo

Será o quinto filme documental que dirixa Alberte Mera após as curtametraxes Camiño da Memoria (2011) e Deixádeas Pasar (2012) e as longametraxes documentais Clamor da Terra (2012) e Lume Novo (2013), estas dúas últimas tamén producidas pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas e publicadas en libro-DVD. Mera forma parte ademais da redacción de Sermos Galiza.

A equipa está conformada tamén por Roberto Vilameá, presidente da Fundación Terra e Tempo e responsábel da produción executiva deste filme. Xosé Lois Ledo estará na dirección de produción e Irene Pin, en produción e fotografía fixa. Marco Outeiro encargarase da edición e Marcos Paino estará á fronte do son e da posprodución de audio, mentres que a cooperativa Numax realizará a posprodución e a etalonaxe da película. Os investigadores e profesores Uxío Breogán Diéguez e Xoán Carlos Garrido serán os asesores históricos.

O grupo tamén o compoñen a deseñadora multimedia Patricia Cid e o deseñador Daniel Chaves, así como a xornalista especializada en difusión cultural Paula Cermeño á fronte da comunicación. O cartel do filme é unha ilustración do artista gráfico Pablo Prado. Ademais, uniranse nos vindeiros días máis profesionais e artistas do sector audiovisual para completar os distintos aspectos necesarios da rodaxe. O proxecto conta cunha axuda da Deputación da Coruña, outorgada en concorrencia competitiva.

Apresentan unha campaña de micromecenado

A Fundación Terra e Tempo vén de anunciar unha campaña de micromecenado co obxectivo de acadar a cifra de 20.000 euros para poder rodar a primeira película. Todas aquelas persoas que desexen colaborar economicamente coa realización do filme poden facelo a través da páxina web www.reboiras.gal.

A campaña de micromecenado estará activa a partir do día 1 de agosto e cada persoa que faga unha achega económica será considerada como “participante do filme”, sendo nomeada como tal nos créditos. Desde a Fundación enviarán ademais ás persoas colaboradoras información puntual a través do correo electrónico sobre os avances dos traballos e das rodaxes.

A campaña de micromecenado estará activa a partir do día 1 de agosto

A quen realice unha doazón enviaráselle a película xunto coa reedición do libro Moncho Reboiras, o nacionalismo galego nos anos 70 nun novo número da revista Terra e Tempo, acompañada de fotografías da rodaxe e de novos documentos. Hai tres cantidades a escoller coas que poder colaborar para facer posíbel a película: 20, 50 e 200 euros.

A quen opte pola segunda cifra, ademais de recibir o filme e o libro-revista, tamén se lle enviarán ao seu domicilio as obras completas de Bautista Álvarez en tres volumes e o documental Cine Clube Carlos Varela, dirixido por Ramiro Ledo.

Quen decida facer a súa achega económica con 200 euros recibirá, a maiores dos materiais que se enviarán a quen colabore con 20 e 50 euros, unha reprodución en serigrafía numerada e asinada da obra óleo/cartón de Xoán Guerreiro Xurdeu a luz nunha longa noite de pedra (Xove, marzo de 2014).

O micromecenado trátase dunha rede de financiamento colectivo que normalmente se leva a cabo a través de internet, aínda que a Fundación Terra e Tempo tamén dá a posibilidade neste proxecto de participar realizando un ingreso nunha conta bancaria e achegando previamente os dados de quen fai a doazón para que conste nos créditos da película en sinal de agradecemento.

Este tipo de iniciativas empréganse cada vez máis na Galiza e no mundo para recadar fondos que permitan levar adiante proxectos maiormente de índole cultural e social a través da participación altruísta e recibindo a cambio unha serie de obsequios.

En 2020 faranse 45 anos do asasinato de Reboiras

O filme estrearase en 2020, cando se cumprirán 45 anos do asasinato de Moncho Reboiras. Foi na madrugada do 12 de agosto de 1975 cando, con só 25 anos, sufriu múltiples disparos da policía franquista no portal número 27 da rúa da Terra de Ferrol.

Xosé Ramón Reboiras Noia convertérase moi cedo en destacado membro da Unión do Povo Galego (UPG), daquela como partido na clandestinidade. Foi ademais alicerce fundamental na organización de amplos sectores da sociedade galega en diversas frontes de actuación, como foi a sindical, a cultural ou a política. O réxime sabía das súas grandes habilidades para impulsar as organizacións de masas do nacionalismo galego, mais o propio Moncho tamén era consciente da crueldade do réxime e do perigo que el mesmo afrontaba.

Será o primeiro filme documental sobre o último loitador galego morto en desigual combate contra Franco

Esta é a historia que o audiovisual quere contar e, tal e como sinalan desde a Fundación Terra e Tempo, “será o primeiro filme documental sobre o último loitador galego morto en desigual combate contra Franco”. Nese sentido, o título Reboiras. Acción e corazón pretende resgatar dúas características esenciais do protagonista que o definen como militante exemplar e que son precisamente a propia acción e o corazón, é dicir, a querencia pola Galiza e polo seu pobo.

Así, a película tratará o proceso da toma de conciencia social e nacional por parte de Reboiras que o levaron a involucrarse activamente na Unión do Povo Galego para enfrontar a ditadura e conseguir unha Galiza libre e xusta, pasando así á acción política, é dicir, a traballar para organizar a sociedade e fortalecer o movemento nacionalista galego.

 

[Esta reportaxe foi publicada no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]