Comeza a campaña de vacinación contra a gripe: cando é a miña quenda?

Persoal sanitario administra a vacina contra a Covid-19 (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press).
O persoal sanitario recibe desde a segunda feira as primeiras doses. A vindeira semana será a quenda para as persoas maiores de 65 anos.

Galiza inicia nesta segunda feira a vacinación contra a gripe co persoal sanitario, unha campaña que se prolongará até o 31 de decembro, coa novidade de que este ano é "secuencial".

Así o confirmou este domingo domingo a xefa de servizo de Enfermidades Transmisíbeis da Consellaría de Sanidade, Susana Mirás, quen explicou que a vindeira semana, a do 25 de outubro, principiará a inmunización das persoas maiores de 65 anos e, de forma paralela, das que viven en residencias de maiores e grandes dependentes, así como as e os traballadores destes centros.

O 15 de novembro será a quenda das persoas de 60 a 64 anos e menores de 60 con patoloxías de risco —como a diabetes—, aos que se suman as embarazadas e os prematuros de seis meses a dous anos, persoal de servizos esenciais, persoal de exposición laboral e persoal das oficinas de farmacia.

Aliás, o 29 de novembro arrincará a vacinación antigripal do resto da poboación obxectivo e de conviventes de persoas de risco, segundo informou Mirás.

Doses e puntos

A respecto do desenvolvemento da campaña, Susana Mirás sinalou que Galiza contará con perto de 885.000 doses e cuns 900 puntos de vacinación en todo o país, entre outros centros de saúde, hospitais públicos e privados e residencias.

Desde Sanidade agardan superar 60% de cobertura nas embarazadas e 70% en maiores de 65 anos, poboación na que van incidir "máis".

Na pasada quinta feira, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, salientou que os resultados da campaña de 2020 foron "moi bos", xa que o número de doses administradas ascendeu a 843.469, un incremento de 28,2% en comparanza con 2019.