A Terra Chá pecha filas contra a minaría

Reunión dos alcaldes de Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito coa Comisión contra a Minaría da Terra Cha [Imaxe:SLG]
Representantes da Comisión contra as Minas da Terra Chá e os alcaldes de Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito amosan o seu rexeitamento á explotación de seixo por Erimsa na zona. Considérana incompatíbel e prexudicial para un territorio cuxa riqueza provén da gandaría e a agricultura.

A Comisión contra as Minas da Terra Chá, xunto cos rexedores de Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito en representación dos municipios afectados polas concesións mineiras de Erimsa, ofreceron esta quinta feira o seu rexeitamento aos proxectos de explotación.

Os alcaldes e representantes da plataforma veciñal sinalaron que a preocupación polo impacto das explotacións mineiras non está guiada por “prexuízos ou animosidade contra a empresa”. Porén, argumentaron, consideran a actividade mineira incompatíbel co desenvolvemento gandeiro e agrario da comarca, “o noso medio de vida tradicional”. A Terra Chá, defenderon, acadou altos índices de produtividade, tanto leiteiro como cárnico, o que trouxo consigo o asentamento de industrias lácteas, fábricas de pensos e outras iniciativas empresariais vinculadas ao sector.

Para todos os actores que participaron da rolda, a terra é a principal fonte de riqueza da comarca. Non obstante, sinalaron que é precisa unha maior base territorial para pasteiros e forraxes, “necesarios para un maior benestar da cabana gandeira e unha maior rendibilidade das nosas granxas”. Por isto demandaron políticas que impulsen un maior acceso a base territorial e que impidan “a degradación dos nosos solos”. Unha aposta que opuxeron á posíbel actividade da empresa mineira.

A nosa oposición é un exercicio de responsabilidade, xa que os proxectos de explotación que se pretenden levar a cabo afectan a bens importantes e causaría impactos, defendeuse. Como argumentos principais para opoñerse a Erimsa sinaláronse as dificultades de “reposición de solo orixinal, de producirse a explotación” e a “afección á capacidade agronómica nos terreos dedicados a preados por mor da actividade extractiva”.

“É o noso deber para que unha comarca como a nosa arrisque en converterse nunha zona deprimida por mor dun uso non racional e útil socialmente dos nosos recursos naturais, favorecendo o despoboamento rural e o empeoramento da calidade de vida das xentes que viven e traballan nesta comarca”, concluíron alcaldes e veciñas.

Un conflito de trece anos

Margarida Prieto é membro da Comisión contra as Minas da Terra Chá e do Sindicato Labrego Galego. Trata de resumir a Sermos Galiza as voltas dun conflito que comeza en 2006. Entón aprobáronse tres concesións mineiras de explotación de seixo que afectaban, maioritariamente, aos municipios de Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza, pero tamén a Abadín, Riotorto e Vilalba.

“Nun primeiro momento a empresa solicitou licenza nos concellos nos que máis afectaba e, despois, Erimsa pretendeu que o silencio administrativo equivalía a recibir o permiso”, explica Prieto. A empresa norueguesa, que tamén explota seixo na comarca de Ordes, presentou recursos contencioso-administrativos aos Concellos da comarca en reiteradas ocasións. “Neste momento hai unha situación variada en cada municipio, mais a postura dos alcaldes é unánime e contra a minaría”, di a representante da Comisión.