“Os proxectos da mineira son unha sentenza de morte para o sector gandeiro da comarca”

Mapa mineiro SLG

Unha mineira norueguesa, Erimsa, impulsa na comarca de Ordes varios plans para a extracción de seixo metalúrxico, uns proxectos que supoñen unha ameaza para unhas 200 granxas e por volta de 500 empregos directos, denuncia María Vieites, do SLG. “A empresa ofrece 8 empregos a cambio de ameazar 500 e danar a comarca”, explica.

Esta quinta feira, 23 de marzo ás 22:00 horas, na Casa de Cultura de Xanceda (Mesía) haberá unha asemblea informativa aberta sobre o impacto que poden ter na comarca os proxectos da empresa mineira norueguesa Erimsa. Desde o Sindicato Labrego Galego advertiron xa que representan unha seria ameaza para 200 granxas e 500 empregos directos. Conversamos con María Vieites, coordenadora na comarca de Ordes.

- O Sindicato labrego Galego denunciastes que hai uns proxectos presentados por unha mineira de Noruega para aa comarca de Ordes que van ter uns serios prexuízos.

- O 6 de marzo publicábase no DOG a fase de alegacións a un dos proxectos, que está en exposición pública, o que afecta a Xanceda, no Concello de Mesía. Iso púxonos en aviso sobre que había uns proxectos para esta comarca que procuraban extraer seixo mertalúrxico. Até o de agora nesta zona iso víñase facendo en parcelas de monte, de uso forestal, mais a novidade agora é que se extrae en áreas de concentración parcelaria e de labradíos. Na operación, a empresa extrae o seixo e volve poñer a terra. Cal é un dos problemas? Que a colleita que se fai nestas zonas non é da calidade que tiña antes. E que son fincas que xa non drenan as augas como antes de sacar o seixo, con todo o que iso supón. Dincho os propios gandeiros: “Nesas zonas a colleita vai ser metade que noutras”.

A raíz da publicación no DOG puxémonos a mirar que permisos de investigación tiñan solicitados. A nosa sorpresa foi atoparnos con tres permisos de investigación. Sumados co do proxecto de Xanceda, estamos a falar de propostas que afectan máis de 6.700 hectáreas, concentradas nos concellos de Frades, Oroso e Ordes.

- Denunciades a gran incidencia negativa para sectores como o agrario ou gandeiro, fulcrais nestes concellos, deste tipo de actividades.

- A de Ordes é unha comarca gandeira, nomeadamente de explotacións de leite. Unha das dificultades que afrontan estas granxas é o de acceso á terra. Hai unha actividade gandeira tan concentrada que é difícil acceder á terra, todos a precisan para producir forraxe e aforrar así custos de produción, podendo ter algo de alivio nunha situación tan difícil como a que atravesa o sector. Porén, hai terra para a minaría.

E non podemos esquecer as axudas da PAC a explotacións por manter esas fincas producindo e coidando o medio. Unhas axudas que se perderían.

- Afirmades que a empresa só se compromete no seu proxecto a crear 8 postos de traballo.

- É o que contempla a propia empresa! E nin sequera di se eses empregos van ser para todo o seu período de actividade, se van ser temporais, ‘mini-jobs’... O que debemos ter claro é que nesas zonas que poden ser afectadas os empregos directos afectados son moito máis numerosos, poden ser por volta de 500. Por exemplo, estes días falabamos cos da Casa Grande de Xanceda, unha explotación que hai en Mesía onde son 40 empregados e que están situados nunha das zonas onde se este proxecto mineiro vai adiante, non van ter acceso a terra. Eles xa temían que ían ter que paralizar a súa actividade.

-  A maiores, esta empresa xa acumula sentenzas contrarias á súa actividade por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e que ten cometido ilegalidades ao facer prospeccións sen licenza en Oroso..

- Así é. A primeira incursión foi na Terra Chá, alí foi onde primeiro se opuxeron a este tipo de proxectos. Esa oposición logrou que  comezasen a saír sentenzas en contra deste tipo de proxectos. Nós temos claro que o que fixa poboación no rural, o que o mantén vivo é a actividade agraria e gandeira, non a extracción de mineral.

- Como están a recibir estes proxectos as organizacións veciñais e sociais da comarca, E cal é o papel dos concellos?

- Esta semana recibimos chamadas de colectivos sociais interesándose pola situación, preguntando como podían sumar e participar. Nós entendemos que agora o importante é que haxa información, que as veciñas e veciños saiban sobre estes proxectos e os procedementos que poden seguir ao respecto. De aí que deamos prioridade á asemblea informativa aberta que imos facer esta quinta feira.

Tamén falaremos cos concellos de Frades e Mesía, claro, queremos saber o seu parecer. Os concellos onde se van asentar estes proxectos teñen que decidir se dan a súa autorización ou non. Non creo que deban ter moita dúbida ao respecto, porque son municipios onde a actividade agraria é fundamental.

- Estes proxectos para a comarca de Ordes non son os únicos proxectos mineiros existentes en Galiza. Desde varios sectores leva tempo alertándose do risco de que Galiza sexa unha terra devecida polas grandes empresas mineiras...

- Non é novidade algunha que veñan empresas de fóra explotar os nosos recursos naturais (risas). Por desgraza, hai quen cre que o rural é unha fonte de recursos inesgotábel, e hai que deixar que non é así. Ademais, estes proxectos xogan moitas veces coa idea de que onde fan os seus proxectos son  zonas do rural deshabitadas e onde os que fican xa son só vellos. E tampouco é así. A comarca de Ordes é activa, quer na produción de leite, que na de carne... Se pos nunha balanza os 8 postos de traballo de Evimsa fronte aos empregos nesta zona e a riqueza que estes xeran...

- En febreiro Santiago acolleu un encontro de colectivos procedentes de diversos países para poñer en común as súas respectivas experiencias de loita contra a minaría. Que se pode achegar desde Galiza nese sentido?

- Moitas veces pensamos que o que acontece aquí non pasa en ningures cando realmente este tipo de actividades extractivas danse en moitos sitios do mundo e cun obxectivo común: aproveitar os minerais que lles interesan, impactando e afectando a economía local, o medio ambiente...

A respecto de Galiza, por exemplo, na Terra Cha dáse un proceso moi interesante e que debemos mostrar con orgullo: unha poboación que se move contra este tipo de proxectos e que logra que a propia xustiza lles dea a razón. E non esquezamos que esta loita comezou cun pequeno grupo de persoas ás que se lle miraba mal porque daquela entendíase que esas empresas mineiras viñan traer emprego.

Nestes proxectos que se propoñen para a comarca de Ordes non debemos perder de vista o que salientabamos antes, que os 8 postos de traballo que propoñen non son nada en relación cos empregos directos e indirectos que ameazan, co impacto que poden ter na comarca. Nunha comarca como esta, ese proxecto é unha sentenza de morte para o sector gandeiro”.