Máis de 200 alegacións contra o proxecto mineiro en Xanceda

Imaxe: SLG

Opóñense á intención dunha mineira norueguesa de extraer seixo metalúrxico nunha concesión de 781 hectáreas.

Unha delegación con representantes da veciñanza de Xanceda (Mesía) e do Sindicato labrego galego (SLG) entregou no Concello a comezos de semana máis de 200 alegacións contra o proxecto da empresa Erimsa de extraer seixo metalúrxico nunha concesión de 781 hectáreas. Acompañando esa delegación estiveron, entre outros,  Guadalupe Rodríguez (Salva la Selva), Xoán Doldán (Véspera de Nada) ou Carlos Montero (Comisión contra as Minas na Terra Chá).

Segundo o propio sindicato agrario, entre os principais argumentos para rexeitar a actividade mineira na zona están que os terreos nos que se pretenden levar a cabo as escavacións pertencen, no meirande, ás concentracións parcelarias de Xanceda e Papucín, “estando afectadas directamente un total de 26 granxas cuxa principal actividade é a produción de leite e que sosteñen 90 postos de traballo”.

Tamén denuncian a fragmentación de proxectos de Erimsa na comarca de Ordes “para non provocar alarma social”, xa que ao de Xanceda  habería que sumar “outros tres veciños en fase de investigación. Se sumamos todos, estariamos a falar de 6.721 hectáreas, máis de 200 granxas e 500 postos de traballo directos afectados”.

Erimsa desbotou no seu día que o seu proxecto supuña perigo. A empresa afirma que leva 30 anos desenvolvendo este labor nesa área e que o fai “convivindo coas explotacións agrícolas e gandeiras destes concellos”. Incide en que traballa sen expropiacións, alugando os terreos aos propietarios e pactando previamente as condicións “mediante acordos voluntarios”.