Os Colexios Médicos rebaten a Xunta e poñen o foco nos recortes

Julio García Comesaña e Alfonso Rueda reunidos coa directiva dos Colexios Médicos da Galiza. (Foto: Xunta da Galiza).
Após a reunión que os representantes do colectivo médico mantiveron con responsábeis da Xunta para "avanzar no impulso da Atención Primaria", o Consello Galego de Colexios Médicos rexeita o feche de centros sanitarios mais insiste nunha reorganización dos recursos "equilibrada" e axustada ás características de cada poboación.

O Consello Galego de Colexios de Médicos expresou onte o seu "máis profundo malestar e rexeitamento" ás declaracións do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras a reunión mantida na noitiña da pasada terza feira e desmárcase de "decisións de xestión" que poida adoptar a Xunta "como un eventual feche ou reorganización" dos centros de saúde e puntos de atención continuada (PAC).

"En ningún caso son responsabilidade dos Colexios Médicos", manifesta a entidade nun comunicado no que lle reprochan ao Goberno galego poñer na súa boca suxestións que os representantes do colectivo médico, din, non formularon. "Impútansenos determinadas propostas concretas que non realizamos".

Encontro en San Caetano

Após a xuntanza que mantiveron Colexios Médicos e Xunta en San Caetano [asistiron ademais de García Comesaña, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, entre outros] Sanidade trasladou o acordo alcanzado de "avanzar no impulso á Atención Primaria e na compatibilidade da práctica profesional", no sentido de achegar máis facilidades a quen traballa a un tempo na pública e na privada.

A respecto do primeiro punto, Sanidade sinalou a súa disposición a "estudar" unha reestruturación do mapa de centros de saúde ante unha proposta dos "representantes dos facultativos", insistiu. Unha "reestruturación territorial da Atención Primaria" que non chegou a concretar nin en feches de instalacións nin na centralización de servizos, unha práctica, que xa afecta nalgunhas comarcas ás consultas de pediatría ante a falta de persoal especialista.

Desmarque dos feches

"Esas medidas, de ser tomadas, corresponden en exclusiva ás autoridades sanitarias", esgrime o Consello Galego de Colexios Médicos. No comunicado emitido onte precisa que na reunión da pasada terza debateuse a "actual organización do traballo e a ordenación territorial en Atención Primaria", dado que a situación actual de "discordancia entre recursos humanos e dispositivos asistenciais" require "cambios e adaptacións" que se deben afrontar "con valentía e solvencia".

Os Colexios Médicos desmárcanse do feche de centros de saúde e poñen o foco nos recortes de persoal. Válense de informes de "expertos en xestión sanitaria" para defender unha "reorganización estruturada de cargas asistenciais entre os diferentes dispositivos" de Atención Primaria, na busca dunha "repartición equilibrada" consensuada e adaptada ás características xeográficas e da poboación de cada zona.

"O noso labor é defender a calidade e idoneidade da práctica profesional, o que é incompatible con axendas de traballo de 60 doentes ou coa desaparición de equipos constituídos basicamente por médico e enfermeira". Así, os Colexios Médicos volven cargar contra a solución adoptada pola Xunta na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés de manter os PAC que non teñan facultativos só con persoal de enfermaría, o que é "unha fraude asistencial" e "un elemento de inseguridade" para profesionais e pacientes.

Críticas da oposición

A voceira do BNG, Ana Pontón, volveu pedir esta cuarta feira a retirada destra proposta ademais de censurar as "ocorrencias" da Xunta de cara a Atención Primaria. "No canto de reforzar a sanidade, o que pretende o PP é que menos profesionais en menos centros de saúde atendan a máis pacientes".