O Colexio de Médicos exixe á Xunta "as medidas necesarias" para paliar a "sobrecarga" dos internistas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Xunta da Galiza)
Para o Colexio de Médicos, as demandas expostas nos últimos días son "xustas" e "necesarias", polo que, para cumprir o seu "deber deontolóxico", exixe ás autoridades sanitarias "que se garantan as condicións mínimas para facelas posibles".

O Consello Galego de Colexios Médicos vén de instar á Consellaría de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que, "de acordo cos servizos implicados e os seus xefes", arbitre "de forma urxente as medidas necesarias coa memoria económica que corresponda" para "pór fin a esta inaceptábel situación" de "sobrecarga asistencial" que sofren os médicos internistas.

Así o manifestou a través dun comunicado de prensa, no que o órgano destaca que "a Medicina Interna é unha especialidade fundamental para a asistencia hospitalaria aos pacientes e para a docencia MIR de gran parte das especialidades médicas".

"Os servizos de Medicina Interna son uns dos que máis carga de ingresos teñen e maior actividade, polo que se consideran dos servizos con máis peso hospitalario. Por iso, desde o Consello Galego de Colexios Médicos vemos con moita preocupación a gran sobrecarga asistencial que veñen soportando nos últimos anos", expón o comunicado.

Entre algúns dos motivos que enumeran os facultativos atópanse o avellentamento poboacional ou a pandemia, mais destacan a "mala planificación (da Xunta), xa referida polos citados especialistas en Medicina Interna, que chegaron a cualificar a situación de malos tratos profesionais".

Demandas "xustas" e "necesarias"

Para o Colexio de Médicos, as demandas expostas nos últimos días son "xustas" e "necesarias", polo que, para cumprir o seu "deber deontolóxico", exixe ás autoridades sanitarias "que se garantan as condicións mínimas para facelas posibles".

O comunicado chega horas antes da reunión prevista para esta quinta feira entre a Consellaría de Sanidade e os xefes de servizo de Medicina Interna dos hospitais galegos.

Na xuntanza, Sanidade proporá que médicos de cabeceira doutros hospitais presten asistencia nos comarcais, con contratos de longa duración, até que se resolvan a Oferta Pública de Emprego (OEP) e o concurso de traslados, co obxectivos de cubrir esas prazas vacantes.

Neste sentido, o conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña, detallou na cuarta feira que a intención do Goberno galego e aplicar o mesmo modelo de atención que xa está presente noutras especialidades, como Reumatoloxía e Radioloxía.