Malas novas para o sector sanitario: desestimada a denuncia por sobrecarga laboral en Vigo

O Colexio de Médicos de Pontevedra presentara unha denuncia pola vía penal para protestar pola sobrecarga asistencial que soportou a área sanitaria de Vigo o pasado verán. Malia que “esperaba” o arquivo -a causa aínda segue pendente en Pontevedra-, apelar á Xustiza foi un intento de “protexer aos médicos”.

Manifestación contra os recortes na sanidade decorrida en Compostela no mes de novembro. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Manifestación contra os recortes na sanidade decorrida en Compostela no mes de novembro. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O Xulgado de Instrución número 7 de Vigo vén de desestimar e arquivar, de momento de forma provisional, a denuncia presentada polo Colexio de Médicos de Pontevedra pola "sobrecarga asistencial" que soportaron os facultativos nos equipamentos sanitarios desa área durante o pasado verán.

Esta comunicación por parte da entidade colexial case coincide no tempo co colapso padecido na Atención Primaria da demarcación de Vigo, que fixo que se impuxese adiar todas as citas que non foran urxencias ou casos da Covid-19.

O colectivo, que aínda agarda pola resolución da denuncia que presentou nas dependencias xudiciais de Pontevedra, asegura que xa "esperaba" que a denuncia contra a dirección da área sanitaria de Vigo non prosperara pero foi unha forma de intentar "protexer aos médicos".

Antes de chegar á Xustiza, o colexio médico acudira á Inspección de Traballo pola carga laboral que se impoñía quer na Atención Primaria na área de Vigo, quer na de Pontevedra e O Salnés.

As mesmas fontes insisten en que a denuncia presentouse para "protexer" a "integridade física e psíquica dos profesionais sanitarios" despois de que doutoras e doutores remitiran queixas ao colexio tanto aludindo aos centros de saúde como aos Puntos de Atención Continuada (PAC).

Para a Xustiza isto non ten maior recorrido pola vía penal, pois "incumbe a outros ámbitos administrativos".

A resolución xudicial argumenta para acordar o sobresemento provisional e arquivo da denuncia que os feitos denunciados revelan unha problemática que incumbe "a outros ámbitos administrativos". Así, o xulgado de Vigo sinala na súa resolución que neste caso, polos feitos presentados, non caben accións penais.

En todo caso, no seu momento a organización conseguiu dar a coñecer unha "situación moi precaria que podería prexudicar a atención a pacientes". Neste contexto, o colexio pensa na creación dun observatorio da sanidade pública onde as especialistas podan manifestar as súas experiencias, protestas e inquedanzas.

Comentarios