Formoso critica o "colapso sanitario" na Galiza e pídelle á Xunta "medidas urxentes e excepcionais"

O socialista puxo de exemplo os tempos de agarda que teñen que sufrir os pacientes para recibir unha cita médica.
Valentín González Formoso, na súa visita a Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso, na súa visita a Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O secretario  xeral do Partido Socialista da Galiza (PSdeG), Valentín González Formoso, criticou esta quinta feira o "colapso sanitario" que vive a Galiza, e pediu á Xunta "medidas urxentes e excepcionais" para pór fin a esta situación.

En declaracións aos medios de comunicación durante a súa visita ás Festas da Ascensión, en Santiago de Compostela, Formoso mostrou a súa "preocupación" por como se atopa na actualidade o sistema sanitario galego.

O socialista puxo de exemplo os tempos de agarda que teñen que sufrir os pacientes para recibir unha cita médica.

Tamén lamentou a situación na que se atopan os hospitais galegos, onde se tardan "seis ou sete meses" en diagnosticar enfermidades graves.

Servizos de urxencias "colapsados"

Ademais, puxo o foco nos servizos de urxencias, "colapsados" e con pacientes durante 48 horas nos corredoiros sen que se lles asigne unha habitación.

Nestes sentido, Formoso referiuse a "fotografías horríbeis" de persoas maiores nos corredoiros dos hospitais galegos durante máis dun día para exixir esas medidas "urxentes" ao Goberno galego.

Formoso recoñeceu que a falta de persoal sanitario nos cadros facultativos é unha problemática xeral en todo o Estado español.

Porén, matizou que o Executivo autonómico renunciou hai dous anos a contratar 125 facultativos "e as consecuencias páganse agora". 

Comentarios