Colectivos de xornalistas condenan os ataques de Xácome e a súa proposta que pretende "censurar informacións"

Pérez Xácome durante unha rolda de prensa (Foto: Agostime / Europa Press).
"Son os tribunais os únicos que poden cualificar unha información como delituosa e, no seu caso, a propia comunidade xornalística, a través dos órganos de autorregulación dos que se dote", trasladou o Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza.

A Asociación de Xornalistas da Galiza (APG) e o Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza (CPXG) mostraron preocupación e rexeitaron a moción na que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, solicita elaborar "un protocolo fronte a informacións lesivas para calquera concelleiro".

O CPXG enviou un comunicado no cal pide retirar a moción -prevista para o pleno desta sexta feira- dado que "podería abrir a porta á presentación de demandas abusivas e á censura indirecta mediante a exclusión de cabeceiras da contratación pública".

Ademais, apuntou que o goberno local que promove a moción é o mesmo do que recibiron "numerosas chamadas de atención por vetos, ataques e desprezos reiterados a calquera xornalista que publicase información que non fóra da súa agrado".

"Son os tribunais os únicos que poden cualificar unha información como delituosa e, no seu caso, a propia comunidade xornalística, a través dos órganos de autorregulación dos que se dote", trasladou o CPXG.

Pola súa parte, a APG considera a moción de Democracia Ourensá como "unha persecución" contra medios e profesionais. O documento proposto para o pleno desta sexta feira recolle tres puntos para a "Defensa dunha información veraz nos medios de comunicación". En primeiro termo, solicitan que o Concello se manifeste a favor da veracidade xornalística "cun compromiso de defensa legal dos seus concelleiros" ante "prácticas que poidan supor condutas delituosas".

No segundo, que se elabore "un protocolo de actuación fronte a informacións lesivas para calquera concelleiro", traballador ou "a institución mesma". E no terceiro, que o Concello "se absteña de contratar medios de comunicación que fosen condenados por incorrer en condutas das anteriormente descritas".

A Asociación de Xornalistas obxectou que se trata dunha "coacción" a profesionais e empresas do sector "que Xácome considere críticos coa súa xestión e a do seu grupo".

Contratos do sector público

"Sorprende que o alcalde de Ourense descoñeza ou non teña claro a estas alturas este axioma, só sometido ás excepcións perfectamente definidas e reguladas no ordenamento xurídico vixente", concluíu a APG en relación ao artigo 20 da Constitución que ampara a liberdade de prensa.

En relación ao terceiro punto da moción, o CPXG lembrou que "calquera contratación pública está sometida ao ordenamento xurídico, especialmente á Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, que sinala os motivos para excluír unha empresa, entre os que non se atopan os que pretende aplicar Democracia Ourensá".