Colectivos sociais advirten que a nova normativa estatal sobre renovábeis mingua a participación pública

Parque eólico na Serra do Xistral. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Medio centenar de colectivos da Galiza impulsan un movemento a nivel estatal para "frear" o real decreto-lei 6/2022, que no capítulo referido ás enerxías renovábeis "reduce as exixencias dos estudos de impacto".

Plataformas e colectivos veciñais de toda a Galiza veñen de impulsar un movemento a nivel estatal para tentar impedir a aplicación de "varias medidas previstas no capítulo III do real decreto-lei 6/2022", un apartado do texto que propón "medidas de axilización dos procedementos relativos a proxectos de enerxías renovábeis".

Esta norma, que aínda debe ser aprobada no Congreso, "reduce a tramitación ambiental nos proxectos de enerxías renovábeis de até 75 MW a un informe de afección que non estuda en detalle os diferentes impactos", advirten desde os colectivos sociais.

O texto, inciden, "arrebata o dereito dos afectados e afectadas a alegaren impactos non previstos [nos devanditos informes] ou subestimados, así como erros técnicos".

"Ao eliminaren a participación pública ábrese a porta á aprobación de proxectos con potencial impacto ambiental que poden carrexar a expropiación forzosa dos terreos sen as suficientes garantías procesuais", advirten.

Este texto legal, que busca simplificar os procedementos de tramitación, prevé tamén un procedemento "exprés" que "reduce os prazos á metade", tanto na tramitación como na exposición pública. "Mesmo considera o silencio administrativo dalgún organismo como favorábel", lamentan.

Por estas cuestións xorde este movemento que fará oposición ao citado real decreto-lei, un texto que, aseguran o perto de medio centenar de colectivos galegos que o conforman, "vulnera varios dereitos recollidos na Constitución española, así como cinco normativas europeas".

Solicitar a intervención do Defensor do Pobo [Ángel Gabilondo], presentar un recurso de inconstitucionalidade ou acudir á Fiscalía son algunhas das medidas que propoñen estas plataformas, "sen descartar outras accións a nivel internacional".