Colectivos sanitarios reclaman ao Sergas máis persoal "para atender a demanda"

Reunión da Mesa Sectorial de Sanidade na que estiveron responsábeis do Sergas e dos sindicatos CIG, CCOO, CSIF, Satse e UXT (Foto: Xunta da Galiza).
Os sindicatos logran melloras laborais na Mesa Sectorial de Sanidade.

O Goberno galego e os sindicatos CIG, UXT, CCOO, CSIF e Satse deron onte a coñecer os acordos aos que chegaron na Mesa Sectorial de Sanidade, que rematou na madrugada da quinta feira.

O acordo implicará estender as melloras retributivas das gardas, a nocturnidade e os festivos a outros profesionais na sanidade pública ademais dos médicos. Este acordo chegou un día despois de que a Consellaría de Sanidade asinase outro coa Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) para desconvocar a folga de facultativos que durou nove días, entre o 11 e o 19 de abril.

O pacto con CESM contempla melloras retributivas só para facultativos e elimina o plus que cobran os médicos que só traballan na pública, beneficiando tamén aos que combinan o seu labor na privada. 

Non todos os colectivos sanitarios na Galiza están conformes co acordo de CESM. Enfermeiras galegas están preparando unha protesta para exixir melloras laborais, como a posibilidade de non encadear contratos sen descansos mínimos. Tamén, 300 facultativos de Atención Primaria e residentes en formación de Lugo asinaron un documento rexeitando o pacto do Sergas con CESM e demandando máis persoal “para adecuarse á crecente demanda asistencial”.

Exixen, entre outras demandas, “a limitación das consultas a un máximo de 30 paciente adultos e 25 en pediatría” así como a “cobertura de todas as prazas vacantes na actualidade mediante oposición”. 

Manuel González Moreira (representante da CIG na Mesa Sectorial de Sanidade) apunta a Nós Diario que na reunión estaba previsto falar de xornada e retribución nalgún dos ámbitos, mais hai outros que seguen pendentes.

“Estamos negociando o ámbito de recursos humanos de Atención Primaria e, nel, defendemos a desaparición do modelo da Xunta de facultativos especialistas e exiximos incremento de persoal”. Neste sentido, non descarta mobilizacións se a Xunta da Galiza non cede.  

Suba retributiva

O pacto asinado coa CIG, UXT, CCOO, CSIF e Satse estabelece  unha semana laboral de 35 horas. Esta irase reducindo en 21 horas para o que queda de ano, en 49 máis para 2024 e en 42 para 2025. A diminución total será de 112 horas.

Alén das melloras retributivas alcanzadas polo CESM para persoal médico, o acordo logrado polo resto de sindicatos contempla unha suba retributiva de atención continuada, nocturnidade e festividades, que se aplicarán en Atención Primaria e Hospitalaria nas gardas (7,9% en laborábeis e 15,61% en domingos e festivos) que comprenderá as categorías médicas de especialistas, mais tamén enfermeiras, auxiliares de Enfermaría, técnicos, celadores e administrativos.

As melloras tamén contarán para o persoal residente en formación. 

O acordo tamén fala dos descansos e a organización das gardas. En concreto, iniciarase unha análise de datos recibidos polas xerencias co cal ditar "unha normativa corporativa" que garanta "os descansos diarios, festivos e semanais correspondentes ou, no seu caso, alternativos". Así mesmo, as xornadas do 24 e 31 de decembro consideraranse festivos para as categorías nas que non era así.