Cualifican de “desesperante” a “desidia” da Xunta na prevención dos suicidos, dos que houbo 324 en 2017

A taxa de mortaldade en Galiza por suicidio no ano pasado sitúase en case 12 persoas cada 100.000 habitantes. Houbo 324 suicidios no 2017

O 10 de marzo conmemórase o Día Mundial da Prevención do suicidio, data con motivo da cal o Movemento galego pola saúde mental convoca a un acto simbólico na Praza de Praterías en Santiago: badaladas pola prevención do suicidio. Desde este Movemento lembra que se fixo un ano da presentación pública pola Xunta do Plan de Prevención do Suicidio para Galiza. Un plan que tiña que dar cumprimento ás decisións adoptadas na 66ª Asemblea Mundial da Saúde de 2013 e ás orientacións da OMS.

 

“Levamos un ano de plan. A taxa de mortaldade en Galiza por suicidio no ano pasado sitúase en case 12 persoas (11,9) cada 100.000 habitantes. Seguimos a case unha morte diaria por esta causa”, informan desde o MGSM.  “Un ano de Plan que naceu, e así continua, sen compromisos de execución, sen responsables da súa materialización, sen dotacións económicas nin profesionais, sen prazos, sen concrecións de actuación. Un Plan de papel”.

 

Para o Movemento é “desesperante a desidia dos responsables da saúde da nosa comunidade. É indignante a utilización política e propagandística que fixeron do que debera ser un plan de protección da  saúde e da vida”.