Máis de 70 aeroxeradores ameazan o horizonte entre o Larouco e o Xurés

Os nove muíños do polígono de Cabeço Alto, que bordea o Parque Natural do Xurés, desde a estrada de saída de Calvos cara o Couto Mixto.
A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova denuncia unha nova incursión da industria eólica no Parque Natural do Xurés. Máis de 70 muíños e catro polígonos marcarán os cumios da Serra do Larouco até o Alto do Candal.

"Unha pantalla visual" composta por máis de 70 aeroxerados fechará o sur da Galiza, denuncia o colectivo Stop Eólicos Xurés-Celanova. A ameaza da que alerta a plataforma debuxará unha liña de muíños alternos cada 380 metros case en paralelo á raia, con catro polígonos de explotación industrial eólica entre os concellos de Cualedro, Baltar, Calvos e o portugués de Montalegre.

A reactivación dos proxectos Tramontana e Mistral no concello de Baltar, con 15 aeroxeradores en conxunto, ocultos á opinión pública, recalca a plataforma, saíu á luz a primeiros de agosto coa publicación do documento inicial da Liña de Alta Tensión (LAT) que evacuará a enerxía producida neste complexo até a subestación do Salas, en Muíños, atravesando a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés.

O val da Limia sucado de muíños

Os polígonos de Tramontana -ao leste- e Mistral -ao oeste- situados na parroquia de Vilamaior da Boullosa, en Baltar, e separados por menos dun quilómetro, darían continuidade á liña do megaparque que Iberdrola chantou sobre o Larouco, en Cualedro, que conta xa con 49 aeroxeradores e que ficaría apenas a dous quilómetros da explotación de Tramontana. 

Mentres, na parte oeste, incide o colectivo denunciante, o desenvolvemento da explotación de Mistral enlazaría co polígono portugués do Cabeço Alto, do que o separarían uns tres quilómetros.

Cabeço Alto linda co Parque Natural do Xurés, mais está situado do lado portugués. Esta explotación que a empresa Iberwind comezou a operar en territorio luso no ano 2000 é visíbel desde Muíños e Calvos de Randín. 

Sen información pública

Dos proxectos de Tramontana e Mistral apenas hai máis información pública que o mapa da Rede Galega Stop Eólicos, censura a veciñanza mais activistas contra a proliferación de eólicos en patrimonio natural.

"O plan inmediato da empresa promotora é superar o trámite da LAT que unirá as dúas subestacións destes polígonos co nodo de Salas, en Mugueimes", sinalan desde a plataforma, que tivo acceso ao informe inicial sometido desde o pasada 4 de agosto a exposición pública.

Segundo recolle o documento, dous terzos desta liña invaden a Reserva Transfronteiriza Gerês-Xurés, "unha desfeita recoñecida polo propio autor do informe inicial da empresa". Agora o propósito da plataforma pasa por recadar máis información para poderlla trasladar á veciñanza e a todos os colectivos afectados ante o secretismo do Goberno local de Baltar co fin de presentar as alegacións pertinentes antes de que finalice o prazo o vindeiro 16 de setembro.