A contaminación débese á industria cárnica

Colectivo contra a contaminación da auga denuncia que sofre coaccións en Xinzo  

Esta mañá en Xinzo [Imaxe cedida]

A plataforma cidadá Auga limpa xa! vén de denunciar as coaccións e insultos que sufriron varios dos seus membros en Xinzo por parte dun cento veciños supostamente alentados por entidades e empresas cárnicas. Os feitos producíronse debido a que cinco persoas de Auga limpa xa! estaban a recoller firmas no marco dunha campaña informativa e de suma de apoios contra a contaminación das augas por mor dos residuos da industria cárnica.

Con motivo do día da feira membros da plataforma cidadá Auga limpa xa! instalaron en Xinzo unha mesa informativa sobre a problemática da contaminación das augas debido aos residuos da industria cárnica da zona. Ao redor desa mesa recolleron sinaturas para solicitar unha moratoria co obxectivo de frear a instalación de novas granxas de carácter industrial que agraven a polución das augas e solicitar aí mesmo que as explotación de porcino que hai na actualidade xestionen correctamente o xurro que producen.

“Só pedimos auga potábel”, afirman desde a plataforma

“Até a mesa achegáronse unha chea de persoas preocupadas polo problema que estamos a sufrir na Limia, pois todas sabemos que en moitos concellos desta comarca, especialmente en Xinzo, case ninguén se atreve a beber auga da billa”, sinalan desde a plataforma. Engaden ademais que tampouco se atreven a empregar a auga corrente para cociñar “e menos aínda a dos pozos, pois a inmensa maioría dela supera os 50 miligramos de nitratros, que é o límite permitido pola Unión Europea”, afirman.

Cuarta feira 14 de agosto, pasadas as doce e media, segundo afirman nun comunicado feito público pola plataforma, perto dun cento de persoas achegouse ás e aos membros de Auga limpa xa! “con insultos, ameazas e coaccións, acurralándonos contra a parede a empurróns cos cóbados e obrigándonos a recoller todo e a marchar, protexidos en todo momento por axentes da policía local da garda civil”.

Perto dun cento de persoas achegouse ás e aos membros de Auga limpa xa! “con insultos, ameazas e coaccións"

A este respecto, engaden que non van “consentir ameazas e insultos de conveciños alentados por Adegal, asociación coa que a plataforma viña mantendo conversas sobre a problemática das augas, así como coa empresa Coren. “Despois do acontecido hoxe, estamos estudando rachar esas negociacións”, afirman.

“Só pedimos auga potábel”, afirman desde Auga limpa xa!. A este respecto, a plataforma sinala que o último informe do Ministerio para a Trasición Ecolóxica inclúe o Encoro das Conchas (río Limia, auga superficial) e dous puntos subterráneos de Xinzo de Limia, un de Trasmiras e outro de Sandiás no listado de “augas continentais afectadas pola contaminación, ou en risco de estalo, pola achega de nitratos de orixe agraria”.

A Limia e a Baixa Limia son as únicas zonas da Galiza que padecen augas contaminadas con nitratos de orixe agraria

A Limia e a Baixa Limia son as únicas zonas da Galiza que padecen augas contaminadas con nitratos de orixe agraria, afirman desde a plataforma, e sinalan que a procedencia atópase nos residuos que verten as máis de 400 explotacións cárnicas industriais que se sitúan na zona.

“Queremos permanecer nun territorio saudábel e traballamos por un rural vivo, rico e con futuro” conclúen desde a plataforma o seu comunicado, sinalando que defenden o labor das e dos gandeiros e agricultores e a loita por uns prezos xustos e unha produción sustentábel.