Aumentan as denuncias por vertidos “indiscriminados” na Limia de xurros da macroindustria cárnica

A Plataforma Auga Limpa xa! Fala de “grave contaminación da auga polas parcelas de sacrificio”.

A Plataforma Auga Limpa Xa! insta a administración a romar medidas para correxir a situación de “descontrol” na que se atopan explotacións como a de Pastizal de Maus, na parroquia de Maus de Salas, no concello de Muiños, “unha extensión de monte veciñal de máis de 150 hectáreas”.

 

A explotación, explica o colectivo da Limia, conta con 150 cabezas de vacún en réxime semi-extensivo. A área elexida por Coren para instalarse non foi ao chou, explican. “É unha zona de montaña da provincia de Ourense, despoboada e lonxe de grandes núcleos habitados, todo ideal para traballar con total impunidade no que a xestión de residuos, residuos que nin sequera proceden da propia explotación senón que son trasladados en grandes camións cisterna dende outras explotacións afastadas do lugar”.

 

A Plataforma fala de xurros de porcino, “residuo do que a empresa ten excedente, carecendo de capacidade para xestionalo axeitadamente”. Os xurros vertidos en grandes doses concentradas “pasa a converterse nun potente axente contaminante”.

 

A parcela é atravesada por un regate, Porqueirós, que engrosa con achegas de auga de nacentes localizados dentro da mesma parcela. “É neste curso de auga no que radica o maior problema da contaminación”, di a plataforma, que lembra que xa en 2004 o propio Concello de Muíños solicitou a Coren “a corrección das malas prácticas levadas a cabo pola empresa no interior do pasteiro”.

 

Na veciñanza do Val do Limia “continúa o malestar polas malas prácticas levadas a cabo por Coren na explotación do pasteiro de Maus de Salas, malestar que segue a medrar ano tras ano como consecuencia da proliferación de cianobacterias no encoro das Conchas, tendo como principal orixe o aumento excesivo de nitratos nas augas procedente da industria porcina”.

 

Afirman que as verteduras na explotación das Maus son as causantes desta contaminación, que afectan de xeito directo a un regato principal subsidiario do río Limia. A Plataforma considera que se está perante un exemplo de “como explotacións gandeiras en extensivo da provincia de Ourense, montes comunais na gran maioría, se están a empregar como "parcelas de sacrificio" para verter indiscriminadamente xurros procedentes da macroindustria cárnica intensiva ".