Cogami demanda que urxe que se axilicen os procesos de valoración da discapacidade e de dependencia

Campaña #SomosCOGAMI (Foto: Cogami)
O presidente de Cogami: “As persoas con discapacidade estamos moi discriminadas na sociedade. Temos que cambialo!”

O 3 de decembro é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) aproveita para pechar neste mes a súa campaña #SomosCOGAMI, que dedicou cada mes de 2023 a reivindicar un dereito fundamental que non sempre se respecta cando a persoa ten discapacidade.

En decembro Cogami quere visibilizar as discriminacións que segue sufrindo a xente con discapacidade, aínda cos recentes cambios normativos. Demandan que urxe unha axilización dos procesos de valoración da discapacidade e de dependencia, xa que o seu retraso impide que as persoas poidan acceder a servizos e recursos necesarios para mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias.

 A carencia de espazos, transportes, bens e edificios accesibles é a reclamación máis repetida que chega a asociación. Son moitas as persoas con mobilidade reducida que atopan obstáculos na súa vida diaria como escaleiras, chanzos nas rúas, falta de prazas de aparcamento reservadas...

“As persoas con discapacidade estamos moi discriminadas na sociedade. Temos que cambialo!”, indica o presidente de Cogami, Anxo Queiruga. Recalca que a Administración debe comprometerse e vixiar o cumprimento das normas e, no caso de que non se cumpran, deberá poñer en marcha os mecanismos de control para que as mesmas sexan efectivas.