O clima, na Galiza, comeza o ano certificando un cambio de tendencia

Amencer en Burela o pasado día 30 de decembro, onde as temperaturas superaron os 20°C. (Foto: Meteogaliza)
A realidade meteorolóxica semella constatar con evidencias os anuncios de cambio climático que realizan desde o mundo científico. O 2021 despediuse con temperaturas impropias e deixando datos, como no caso de Compostela, de poucas precipitacións e un aumento dos días de insolación.

As altas temperaturas están a protagonizar un inverno inusual na Galiza. Desde Meteogaliza, organismo que depende da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta, salientaron que o ano 2021 despediuse con valores que, a partir do 28 de decembro, superaron os 20°C. Segundo indicaron, chegaron a ser de 24°C o último día do ano en cidades galegas como Vigo e Pontevedra, cando un valor normal sería 12°C-13°C no litoral e 10°C-12°C no interior do país. 

Na Noitevella difundiron a través das redes sociais que se vivía una "noite tropical en pleno Aninovo" con valores que en "lugares tan afastados [entre si] como Baiona ou Ribadeo non estiveron por debaixo dos 20ºC en ningún momento da madrugada".

E sen cualificativos ficaron para o primeiro día de 2022, unha nova xornada de rexistros históricos. "Dous exemplos das máximas: nunca antes víramos máis de 20°C en Lugo en xaneiro e hoxe hai 21,4°C", sinalaron. Tamén salientaron o rexistro inédito dese mesmo día na Coruña: 23,3°C. 

O coordinador do departamento de predición de Meteogaliza, Juan Taboada, explica a Nós Diario que aínda non fixeron o balance anual de 2021 mais cre que "non sairá tan cálido como 2020". Porén, isto non indica que "a Galiza non estea padecendo o cambio climático, ao non ser un proceso homoxéneo".

En todo caso, asegura que foi algo máis cálido que a media e tivo como característica máis salientábel "a variabilidade que houbo, cun xaneiro frío, ao revés que agora, un verán relativamente frío e de remate este inverno moi cálido". Para Taboada o que está claro é que, neste contexto, "as temperaturas, na media, subirán e a meteoroloxía será cada vez máis brusca e cun risco maior de ter fenómenos adversos". 

Máis sol e menos choiva en Compostela

Un caso que pode servir de exemplo de como variou o clima este último ano é o de Compostela. A cantidade de chuvia recollida na capital galega no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC en 2021 foi de 1.498,3 litros/m2, é dicir 300 l/m2, por debaixo da media das últimas décadas.

Con estes datos, o director desta instalación universitaria, José Ángel Docobo Durántez, apuntaba que "o ano recentemente terminado haino que considerar seco xa que o intervalo de normalidade en Compostela atópase entre os 1.600 e os 2.000 litros/m2". En relación ás temperaturas, a máxima do ano ascendeu a 35°C e rexistrouse o 17 de xullo.   

Outro dato salientábel do informe anual presentado polo observatorio universitario compostelán foron os días de insolación (con presenza de sol) que se concretaron en 2.278 horas e 10 minutos medidos en 2021. Docobo explica que “superan claramente a media das últimas décadas, situada en 2.075” polo que xa foi o terceiro ano con máis número de horas de insolación dos últimos 30. 

Menos precipitacións e máis secas

Algúns modelos de investigación sinalan para a Galiza unha tendencia clara cara a períodos con menos precipitacións e un aumento de secas. É o caso do estudo que realizan no Laboratorio de Física Ambiental (EphysLab) do Centro de Investigación Mariña da UVigo e do Departamento de Física do Centro de Estudos  do Ambiente e do Mar da Universidade de Aveiro (Portugal).

Nel, para o período que se inicia en 2021 e remataría en 2050, agardan unha diminución das precipitacións totais nas estacións de verán e de primavera. Ademais, alertan dun posíbel aumento dos períodos temporais secos, aínda que sen descartar algunhas choivas intensas en meses de outono e inverno que poderían provocar, en certas zonas do país, un aumento das inundacións.