Clamor contra a megamina de Touro

Veciñanza de Touro e O Pino, directamente atinxida polo plan de reabrir as minas de cobre, mais tamén doutras comarcas de Galiza mobilizáronse este domingo para rexeitar un proxecto que, denuncian, vai xerar prexuízos sociais, económicos e ambientais. Máis de 2.500 persoas participaron na mobilización.

A veciñanza mostrou este domingo de forma clara o seu rexeitamento ao proxecto megamineiro para o Touro e O Pino. Un ‘Non’ que non se circunscribiu  só a veciñanza destes dous concellos da comarca de Arzúa, que levan meses mobilizándose contra a reapertura da mina de cobre, senón tamén veciños e veciñas doutras partes de Galiza que acudiron ata Touro para mobilizarse contra o proxecto: desde Compostela, A Coruña, Costa da Morte, Terra Chá ou Ría de Arousa, entre outras procedencias.

A manifestación-tractorada comezou perto da balsa mineira de Angumil para remantar diante da Casa do Concello de Touro, onde unha moza e un mozo procederon a ler un manifesto. Centos de persoas tomaron parte na marcha, na que se poideron ver faixas con mensaxes claras: “Atalaya [multinacional que pretende reabrir a mina], you are not welcome”, “Nin nos van calar nin nos van parar”, “Berremos como labregas, mina non!”, “Galiza non é unha mina”.

 

Primeiro, a xente

 

Convocada pola Plataforma Mina O Touro-O Pino Non, a mobilización tivo o apoio de diferentes organizacións políticas, sindicatos, colectivos ambientalistas e tamén outras plataformas, como a PDRA, en defensa da Ría de Arousa. Manuel, un bateeiro arousán, criticaba que o goberno galego non teña parados os pés á multinacional que quer volver explotar o cobre: “non se pode poñer os intereses dunha empresa por riba da saúde e do traballo de miles de galegos”.

A marcha combinou reivindicación cun ton festivo e a denuncia coa vistosidade, como a da media ducia de esqueletes que desfilaban con gadañas indicando que a mina era “a morte” para a zona. Algo que partillan veciños como Eduardo, gandeiro de Loxo (Touro) e que sinalaba que a reapertura da mina “significaría o feche total das nosas explotacións” gandeiras. Ou Suso, tamén de Touro, e que en declaracións a Pilar Aymara, afirmaba que con este protesto pretendíase “que nos escoiten, que quen goberna non o fai”. “É un proxecto desastroso para esta zona, cárganse do que vivimos nesta terra, que é agro e gandeiría”.

 

Perigoso

Mais o perigo non se limita a estes concellos. A pretensión de explotar a mina a ceo aberto de case 700 hectáreas para extraer cobre de forma intensiva durante os vindeiros 15 anos é un risco para un área máis ampla. A explotación levaba 3 décadas abandonada (funcionou de 1973-1986) e sen reparar a pegada ambiental que deixou.

 

Varios estudos confirman que as drenaxes ácidas e verteduras teñen afectado a augas de afluentes do Ulla, que desemboca na Ría de Arousa, a maior riqueza pesqueira e marisqueira de Europa.

 

A mobilización deste domingo non é o fin, segundo insisten os organizadores, senón un paso máis na dinámica mobilizadora para para parar esta mina. A pelota, lembran, está no tellado da Xunta. "Esta é a primeira mobilización e non será a última, ata que a Xunta de Galicia dedida dar o carpetazo a este proxecto".

Na marcha estaban presentes representantes políticos como Goretti Sanmartin e Xosé Luis Rivas, ‘Mini’, (BNG), e Luís Villares e Anton Sánchez (En Marea), así como a eurodeputada Lidia Senra.

 

Imaxes de GZ Contrainfo, da Plataforma Mina Touro e O Pino non.