INVESTIGACIÓN

De como a riqueza de Touro vai camiño de acabar agochada no Caribe

[Imaxe: Edmundo Saez] Mina en Río Tinto (Huelva), explotada por Atalaya

Dos catro grandes accionistas de Atalaya Mining, a multinacional que agora pretende reabrir a mina de Touro, tres aparecen nos Paradise Papers con filiais nas Illas Virxes Británicas, Bermuda e Delaware Bahamas, estados sen riqueza mineira pero que son algúns dos paraísos fiscais máis famosos. Eis un extracto da información publicada ao respeito no semanario Sermos Galiza.

Atalaya disporá do 80% da mina situada no Concello de Touro, quedando o 20% nas mans dos actuais propietarios galegos. Para relanzar a mina galega de cobre, e tamén para seguir explotando a de Río Tinto (Huelva), Atalaya lanzou unha ampliación de capital neste mes de decembro. Nun intento de convencer os investidores, inmediatamente dixo que os seus catro actuais accionistas de referencia participaban nesta ampliación.

 

Así, dos 39,62 millóns de euros ofrecidos nos mercados internacionais; os suízos e singapurenses de Trafigura Beheer B.V. fixéronse co 22,8%; os chineses de Yanggu Xiangguang Copper Co. Ltd, co 22,7%; os norteamericanos de Liberty Metals & Mining LLP, co 14,5% e o capital estadounidense de Orion Mine Finance (Master) Fund I LP, co 13,9%.

 

Deles catro, unicamente os chineses non teñen intereses en sociedades offshore, segundo a base de dados do Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJ nas súas siglas en inglés). Esta base de dados recolle miles de documentos filtrados por axentes especializados en construír sociedades pantallas, documentos procedentes entre outros dos famosos Papeis de Panamá e, máis recentemente, os Paradise Papers.

 

Sermos Galiza ofreceu aos voceiros de Atalaya Minning na Galiza e Andalucía a posibilidade de explicar a presenza dos seus principais accionistas en tantos paraísos fiscais. A mineira declinou facer comentarios.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 277, á venda na loxa e nos quiosques habituais]