Manifestación o 25F

A veciñanza contra a mina de cobre

[Imaxe: BNG] Faixa contra a mina de Touro

A empresa quere explotar unha mina a ceo aberto, de case 700 hectáreas, para extraer cobre de forma intensiva, día e noite, durante os próximos quince anos. Miles de veciñas e veciños opóñense a que se retome a actividade mineira, que deixou no pasado unha importante pegada ecolóxica na zona aínda sen resolver e que ameaza o futuro da comarca. Hai convocada para este domingo, día 25, unha manifestación-tractorada no Concello de Touro. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 285.

O que durante tempo fora un rumor, a reapertura da mina de Touro, converteuse en posibilidade o pasado agosto, coa exposición pública do proxecto. Os propietarios da explotación que durante tres décadas ficou abandonada, deixando sen restaurar a pegada ecolóxica de extraccións e contaminacións do pasado, pretenden retomar agora a actividade entre os concellos de Touro e o Pino. Mais atoparon cunha crecente oposición veciñal, social e institucional, que ve no proxecto a ruína da zona, un espolio que causará un impacto ambiental irreversíbel e un problema para a saúde e a economía da comarca. O próximo domingo, 25 de febreiro, está convocada unha manifestación-tractorada onde pretenden amosar o amplo rexeitamento á volta da actividade mineira.

 

“O que non recuperaron en máis de trinta anos, din que van facelo agora nun ano, unha vez remate a explotación. É dicir, destruíndo durante quince anos máis, para logo non facer nada”, apunta a presidenta da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON, Isabel García. Para o colectivo, non existe ningún beneficio en reabrir a mina, na que se prevé o duplo de actividade que na etapa anterior, entre os anos 1973 e 1986. Un pasado que non esquecen, porque segue presente nas súas vidas. Varios estudos científicos, algúns financiados pola propia Xunta, confirman que as drenaxes ácidas e as verteduras teñen afectado as augas do Ulla a través de afluentes contaminados polos restos da actividade mineira, e que desembocan na ría de Arousa. O último incidente tivo lugar só hai un días polo desbordamento dunha balsa da mina, segundo denunciou a Asociación Aldea Viva.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 285 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]