Comezan a citar as crianzas de 5 a 11 anos para a segunda dose da vacina contra a Covid

Dúas crianzas despois de recibir a vacina na cidade da Cultura, en Santiago. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Un total de un total de 2.407.531 persoas contan xa coa pauta completa na Galiza.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezou a citar na cuarta feira ás crianzas de 5 a 11 anos para comezar co proceso de inoculación da segunda dose da vacina contra a Covid.

Os primeiros menores comezarán a recibir esta segunda dose a partir do 9 de febreiro. No caso daquelas crianzas que se infectaran de coronavirus despois de recibir a primeira dose, Sanidade precisou que non serán convocados nesta primeira quenda, e deberán esperar "até que pasen oito semanas".

O Goberno galego estima a distribución de 48.000 doses para completar a pauta destes menores, os últimos da poboación xeral en comezar a vacinación contra a Covid.

As citacións do Sergas chegan despois de que  4.691 galegas completasen a súa pauta de inmunización contra o virus nas últimas horas. En total, administráronse 16.507 novas doses, segundo os datos publicados pola Consellaría de Sanidade.

Pautas completadas

Na Galiza hai un total de 2.407.531 persoas coa pauta completa, 89,16% da poboación total do noso país. Por grupos de poboación, 2.225.286 remataron este proceso chamados polo seu grupo de idade.

Outros 17.387 completaron a súa pauta debido a estar considerados cidadáns de alto risco. Tamén recibiron, cando menos, dúas doses, 16.195 dependentes non institucionalizados y 27.640 institucionalizados.

En canto a probabilidade de exposición ao virus, xa contan coa pauta completa 76.279 profesionais do ámbito sanitario, 28.754 do sociosanitario e 14.692 traballadores de actividades consideradas esenciais.

Ademais, na Galiza xa se inocularon polo de agora un total de 6.444.004 doses únicas da vacina contra a Covid.