O Sergas derivou máis de 100.000 cirurxías á privada nos últimos cinco anos

Alberto Núñez Feixoo (esquerda) e Julio García Comesaña (dereita), cando aínda non era conselleiro de Sanidade, nun quirófano do Hospital Álvaro Cunqueiro. (Foto: Xunta da Galiza)
Unha de cada dez intervencións cirúrxicas entre 2017 e 2021 foron derivadas a hospitais privados da Galiza. Na área sanitaria de Ferrol foron 28% das cirurxías.

A Galiza derivou á sanidade privada máis de 117.000 cirurxías e 300.000 probas diagnósticas no últimos cinco anos, unhas cifras que supoñen, de modo global, arredor de 2,6% das e dos pacientes asistidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) neste período.

Así o notificou esta quinta feira o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, durante unha comparecencia na Comisión de Sanidade do Parlamento para responder a unha pregunta formulada polo BNG sobre a actividade concertada deste organismo e as listas de espera non estruturais.

Na súa resposta, Aboal explicou que o Sergas derivou á privada, entre 2017 e 2021, 2,6% dos seus pacientes tanto de cirurxía como de probas diagnósticas. O volume total desta actividade durante ese período superou os 16 millóns de actuacións.

Máis en concreto, por tipoloxía, deriváronse 10% das algo máis de 1.173.000 cirurxías e 2% das máis de 15.000.000 de probas diagnósticas realizadas, o que supón perto de 117.000 e de 300.000, respectivamente.

Por áreas sanitarias, en cirurxía, a que máis derivou foi Ferrol (28%), seguida de Ourense-Verín-O Barco (14%), A Coruña-Cee (12%), Lugo-A Mariña-Monforte (10%), Compostela (7%), Vigo (6%) e Pontevedra-O Salnés (4%).

E a respecto das probas diagnósticas, a área que máis derivou foi tamén a de Ferrol, (4,5%), seguida de Lugo e Ourense (3,3%), Compostela (1,9%), A Coruña (1,3%), e Pontevedra e Vigo (0,5%).

Segundo Jorge Aboal, o Sergas dedicou á contratación de servizos concertados coa privada unha media de 1,56% do seu orzamento xeral, e a contía ficou todos os anos por baixo de 1,7%.

Listas de espera non estruturais

No que atinxe ás listas de espera non estruturais, Aboal explicou que "a súa espera non é atribuíbel á organización dos recursos dispoñíbeis", se non a "decisións médicas ou do paciente". En concreto, a 31 de decembro de 2021, 5,6% dos pacientes estaban en lista de espera non estrutural por espera médica; 3,6% porque pospuxera voluntariamente a súa intervención e 14,5% porque rexeitara a súa derivación á privada.

O BNG acusa o Sergas de "maquillar" os datos

Pola súa parte, a deputada do BNG Iria Carreira advertiu que o Goberno do PP deixa a sanidade pública nunha situación "dramática" e "ao bordo do precipicio". Así, subliñou que a finais do segundo trimestre de 2021 había 262 agardando por unha cirurxía con máis de doce meses de espera, e até 1.937 pacientes agardando "entre seis e doce meses". "A finais de decembro os datos xa reflectían 43.194 pacienets agardando por unha intervención cirúrxica", precisaron desde o Bloque.

"O retoque e a maquillaxe é algo que gusta moito a este Goberno", dixo, e engadiu que "xa non lles chega a 'chapa e pintura' para disimular o desastre" da sanidade pública. "Vostedes —recalcou—, seguen negando a realidade, e para que as pacientes non se indignen cando teñen unha consulta para un especialista hospitalario no ano 2023 non se lles ofrece ningunha data pero deben permanecer pendentes dunha chamada por se hai un oco".