Social

CIG denuncia "casos fraudulentos" entre os ERTE por forza maior

SEPE
O sindicato tamén alerta de que "son moitas" as empresas que aproveitan esta situación para conceder períodos de vacacións, algo que tamén é "absolutamente ilegal".

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou esta quinta feira a existencia de "casos fraudulentos" na presentación de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por forza maior no país.

En concreto, a CIG Lugo-A Mariña denuncia que moitas empresas utilizan a fórmula da retroactividade na data de inicio do ERTE ao día 14 de marzo aínda que os empregados traballasen en datas posteriores para "aforrar" no pago de días traballados.

Así mesmo, o sindicato alerta de que "son moitas" as que aproveitan esta situación para conceder períodos de vacacións, algo que tamén é "absolutamente ilegal".

"Dita actitude constitúe unha fraude á seguridade social e ao SEPE e, ademais, representa unha actitude miserábel", sinala a CIG, que censura que estas empresas "se preocupen exclusivamente dos seus intereses, cargando sobre as traballadoras e sobre as arcas do Estado as obrigacións que teñen como empregadores".

Por iso, o sindicato insta á Consellaria de Economía, Emprego e Industria, á Inspección de Traballo, ao SEPE e á Seguridade Social a prestar especial atención a estes casos.

Empresa EROM

Precisamente, o sindicato informa de que remitiu un escrito ao Ministerio de Traballo para que analice a proposta de  ERTE por forza maior presentada pola empresa de mantemento de parques eólicos EROM ao considerar que "non se axusta aos criterios" da COVID-19.

A central sindical considera que o obxectivo da empresa é "aproveitarse da emerxencia sanitaria" para "aforrar custos" e, ao tempo, "laminar a capacidade de acción das representantes das traballadoras na defensa dos seus dereitos".