CIG, STEG e CSIF instan o conselleiro de Educación a reunirse para “negociar melloras reais”

Multitudinaria participación na manifestación que percorreu as rúas de Santiago na defensa do ensino público e "pola recuperación dos dereitos" do profesorado. (Foto: Arxina)

As tres centrais indican que as folgas e mobilizacións en novembro sinalan que “a maioría do profesorado” apoia as súas demandas.

Nun comunicado conxunto CIG-Ensino, STEG e CSIF instan o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a escoitar “a maioría do profesorado, que puxo de manifesto tanto nos centros como nas rúas que outro acordo é necesario e posíbel”.

Os tres sindicatos, que acadaron 60% da representación nas eleccións sindicais de hai un ano, fan tamén un último chamamento á responsabilidade das centrais (CCOO, UXT e Anpe) que asinaron “un pacto que en lugar de melloras é de renuncias” para unirse á loita conxunta e “non traizoar así” o colectivo docente.

No documento remitido ao titular de Educación, CIG-Ensino, STEG e CSIF parabenizan o profesorado galego por amosar “un enorme compromiso e dignidade coa súa participación nas diferentes mobilizacións, desde as accións de protesta nos centros até as manifestacións nas rúas, así como nas dúas xornadas de folga”.

En concreto avalían moi positivamente a “masiva asistencia” ás manifestacións convocadas tanto os días 24 de outubro e 28 de novembro como 19 de novembro, “todas elas máis numerosas que a celebrada hai catro anos no marco dunha xornada de folga unitaria pola recuperación horaria e mesmo que as que tiveron lugar no ano 2011 fronte ás políticas de recortes do goberno de Núñez Feixoo”. 

Os tres sindicatos analizan a dificultade de mobilizarse neste caso “non só contra as decisións dun Goberno senón despois de que este asinara con aleivosía un acordo cunha minoría sindical” e enxalzan que o colectivo docente “se mantivo unido malia a clara intención de dividilo co propio contido do acordo”.

Á vez lembran que os tres sindicatos asinantes colaboraron nesa división ao non se manteren firmes nas que eran tamén as súas demandas, e así o recollían un día antes de comezar as negociacións, de recuperación das 18 horas en secundaria e demais ensinanzas e das 21 en infantil e primaria, renunciando ao primeiro e dando por boa a baixada a 23 nestas últimas etapas e aceptando un calendario de redución das ratios que nos leva a prazos inasumíbeis de até 9 anos na etapa de primaria e sen datas concretas na ESO, Bach e resto de ensinanzas.

No texto critícase a actitude do conselleiro que o mesmo día da última xornada de folga afirmou que non hai marxe para negociar porque “sería faltarlle ao respecto e non ter en consideración aos tres [por CCOO, ANPE e UGT] que si asinaron” para a seguir indicar que a organización que non asinou [en referencia á CIG-Ensino] non tivo interese en facelo e prefire “xerar certo lío no sistema”.

Para os tres sindicatos que esta sexa a única resposta por parte do responsábel de Educación é unha irresponsabilidade e lémbranlle que “está desprezando unha ampla maioría do profesorado que ve frustradas as súas expectativas de recuperar dereitos arrebatados como os horarios lectivos ou avanzar en condicións e prazos asumíbeis en aspectos tan fundamentais como a redución das ratios ou da burocracia”.