Sanidade

A CIG-Saúde denuncia o "caos absoluto" na ampliación da unidade de Farmacia do Chuac

Exteriores do Chuac na Coruña (Foto: CIG).
A CIG-Saúde explica que se consignou un orzamento superior a 700.000 euros para a compra de novos equipamentos tecnolóxicos, pero sen calcular o espazo dispoñíbel.

A federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) denuncia o “caos absoluto” no cal se están a desenvolver as obras de ampliación da unidade de farmacia do Chuac (Complexo Hospitalario Universitario da Coruña), integradas na Fase 0 do proxecto do novo hospital.

A central sindical advirte que esta remodelación “non responde ás necesidades do servizo, que se mercou equipamento que non se pode utilizar por falta de espazo, e que nin sequera se adoptaron medidas de prevención básicas para garantir a saúde das persoas traballadoras e a integridade dos propios fármacos”.

A CIG-Saúde explica que se consignou un orzamento superior a 700.000 euros para a compra de novos equipamentos tecnolóxicos, pero sen calcular o espazo dispoñíbel.

"Agora atopámonos co problema de que non se poden colocar estas máquinas porque non hai espazo e superficie suficiente para incorporalas e menos para o persoal que as vai ter que manexar. Para poder encaixalas na unidade, colocáronse en forma de ‘L’, de tal maneira que un equipo impide traballar co outro", advirte Isa Golpe, delegada da CIG-Saúde e traballadora desta unidade.

Apunta que hai zonas nas cales as obras de ampliación se desenvolven ao mesmo tempo que a actividade diaria do servizo, como é o caso da zona de almacén, recepción, colocación e distribución da medicación e outros produtos de farmacia.

 "Todas as obras desa zona se realizaron sen ningunha medida de prevención de riscos laborais, a pesar de que o persoal do servizo estaba facendo o seu traballo habitual e había cables eléctricos soltos colgando do teito ou que se soldaba no teito e caían chispas, auga e po enriba da medicación alí almacenada", critica.

A isto hai que sumar que se “picaron paredes, producíndose un exceso de ruído e de po sen garantirse a ventilación e chegando a estarmos a 35 graos algún día”, acrecenta.

Sen información á representación social

A CIG-Saúde lamenta que a información á representación social "en todo momento foi nula", polo que na última semana de maio,  a central sindical solicitou unha avaliación especifica con carácter urxente desta situación, e que se tomaran todas as medidas precisas para minimizar ou eliminar os riscos para a saúde e a seguridade. Ademais, 20 traballadoras e traballadoras de farmacia e un delegado de prevención da CIG fixeron cadanseu comunicado de risco á xerencia.

A día de hoxe as obras están case paralizadas e desde a CIG agárdase manter unha reunión urxente do Comité de Seguridade e Saúde e outra coa Xerencia para tratar a problemática xerada polas obras, mais tamén para coñecer o estado final en que vai quedar o servizo.