A CIG-Saúde vén de reclamar a "retirada inmediata" do sistema XIDE —Xestión Integral da Demanda en Equipo— alegando que a "gran maioría" do persoal das áreas administrativas de Atención Primaria" rexéitao como ferramenta para xestionar as citas para acceder ás consultas das e dos distintos profesionais. Salienta o sindicato, aliás, que foi "imposto polo Sergas", sen ter en conta, asegura, "a opinión da maioría do persoal de servizos xerais (PSX), que é o que o ten que aplicar". "Provoca máis problemas que beneficios", sinalan.
"Esta ferramenta supón unha importante sobrecarga de traballo", lamentan desde a CIG, aludindo concretamente a que "enlentece o traballo no momento de dar a cita, xerando colas enormes diante dos mostradores; obriga a ter que preguntar e concretar o motivo de consulta referido polas persoas que chaman ou acoden aos centros, sen garantir a súa confidencialidade, e limita a autonomía do persoal de servizos xerais na xestión das citas, impedindo que poida facer valer o criterio de urxencia tanto do propicio PSX coma da persoa usuaria".
E desde este colectivo manifestan, afirma o sindicato maioritario no Sergas, a súa preocupación pola "inseguridade xurídica" na que se atopan, "especialmente nas demandas de consulta urxente e sen cita para o mesmo día".
A CIG-Saúde xa denunciara no Consello técnico de Atención Primaria decorrido o 16 de febreiro de 2022, no que foi presentado o XIDE, que "as áreas administrativas dos centros de saúde están infradotadas de persoal, que faltan PSX e que, ademais, non garanten a privacidade das persoas usuarias, incluídas as dos centros de saúde de nova creación", lembra o seu secretario nacional, Manuel G. Moreira.
Tamén vén denunciando este sindicato que nos últimos anos "son múltiples as funcións e programas informáticos" que asumiron as e os PSX, e que tiveron que facelo "sen recibir a formación necesaria, sen ter unha persoa de referencia para consultar as dúbidas, e, sobre todo, sen incorporación de máis persoal estábel nos centros de saúde".
Por iso, a CIG-Saúde entende que a administración sanitaria debe retirar o XIDE e abrir un proceso de escoita ás e os profesionais da Atención Primaria para "organizar e pór en marcha un sistema de xestión da demanda nos centros de saúde que contemple a visión do persoal das áreas administrativas e que permita acordar un procedemento de xestión das citas e das demandas de consulta urxentes, tanto presenciais como telefónicas".
Tamén o sindicato CSIF urxiu o pasado mes de maio a retirada con carácter "inmediato" do XIDE alegando que supón "un incremento importante da carga de traballo dos centros de saúde".