A CIG rodea a Xunta para exixirlle que se poña á fronte da recuperación

Milleiros de delegadas e delegados da CIG cercaron a sede administrativa da Xunta da Galiza, en Compostela, para reclamar "un cambio radical", sinalou Paulo Carril, secretario xeral da central sindical, e exixir ao Goberno galego que se poña á fronte das reivindicacións para poder "traballar e vivir dignamente no país".

Ducias de faixas - pola transición enerxética, contra os recortes na sanidade e pola derrogación das reformas laborais, demandando carga de traballo nos estaleiros ou defendendo unhas pensións dignas - acompañaron os millares de delegadas e delegados da Confederación Intersindical Galega (CIG) que rodearon a Xunta da Galiza na mañá desta terza feira.

Horas antes, catro columnas comezaran a camiñar desde distintos puntos de Compostela, persoas procedentes de comarcas de toda a Galiza, para confluír no edificio administrativo de San Caetano, onde ten a súa sede principal a institución, reclamando un Plan de Recuperación Económica, Industrialización, creación de Emprego, Dereitos e Servizos Públicos que garanta o dereito a "vivir e traballar dignamente no país".

Despois de cercar, sobre as 12 da mañá, o complexo da Xunta, os participantes na mobilización reuníronse no xardín á beira da capela de San Caetano para escoitar Paulo Carril, secretario xeral da CIG.

Carril expuxo en primeiro lugar que malia “que nos teñen sometidos a un apartheid”, a central sindical nacionalista “aumenta en número e capacidade de resposta”, e non vai quedar calada diante dos “efectos da crise e da nefasta xestión do Goberno galego” nin do “uso antidemocrático dos medios de comunicación públicos”.

Asemade, chamou a un “cambio radical” para impedir que Galiza remate convertida, dixo, nun "inmenso eucaliptal, nun parque eólico ou nunha cidade turística" como Compostela, “como pretende Feixoo”, afirmou Carril.

Mentres o PP se preocupa de dar beneficios ao gran capital, proseguiu, as consecuencias para o pobo son “desemprego e desigualdade social”, proclamou o secretario xeral, nunha realidade que afecta todas as comarcas da Galiza, provocando unha desertización socioeconómica "que cada día que pasa é máis difícil de reverter".

Isto, unido aos baixos salarios e pensións, dos máis reducidos do Estado, denunciou Carril, débese só a intereses políticos “en contra das propostas da CIG”.

Tamén se exixiu unha tarifa eléctrica galega que permita a redución da factura da luz e ao tempo constrinxa os beneficios “en aumento”, salientou, das eléctricas; redundando a produción na Galiza no desenvolvemento no país e acabando coa situación actual, na que grazas “á enerxía que lle subministramos”, son outros lugares os que impulsan “emprego e industria”.

“Os dereitos conquístanse, non se regalan nin se dan”, afirmou Carril, quen pediu continuar a loita para evitar que os fondos procedentes da Unión Europea para a recuperación económica despois da pandemia derivada da Covid-19 sexan utilizados como nos rescates posteriores a crise económica que empezou en 2008, para salvar grandes empresas “cando nós temos despedimentos, como no BBVA, no Banco Santander ou en Inditex, tanto nos talleres como en ventas ou nas industrias auxiliares”.

Transición xusta

A pesar desa inxección económica, o líder da CIG apunta “que aínda non temos solución para Alcoa San Cibrao nin para Alcoa na Coruña, ou para os estaleiros da ría de Ferrol e de Vigo, nin para a falta de servizos públicos”, “ese é o modelo do PP e de Feixoo”, concluíu. Para mudar o desmantelamento da industria, Carril pediu unha transición xusta, que “fomente o tecido económico e social” e que manteña “todos os ciclos produtivos no país”.

No que atinxe a estas reivindicacións, “o Goberno galego ten que estar á fronte, non enfronte dos que buscamos medidas para traballar e vivir dignamente na nosa terra”, proclamou Carril.