A CIG reivindica o convenio da conserva como "o mellor da historia"

Presentación do acordo da conserva da CIG. (Foto: Nós Diario)
Responden así aos cuestionamentos que fixeron outros sindicatos como CC.OO.

A CIG saíu de novo ao paso do cuestionamiento manifestado polo sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) respecto á idoneidade do preacordo asinado polo sindicato nacionalista e a Unión Xeral de Traballadores (UXT) coa patronal da conserva. Así, e xunto a unha trintena de traballadoras do sector, defendeu que se trata "do mellor convenio da historia do sector".

Son palabras da responsábel de FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, nunha rolda de prensa que ofreceu en Vilagarcía de Arousa acompañada por trinta traballadoras do sector. "É o mellor preacordo porque se mantén o poder adquisitivo das traballadoras, foméntase a creación de emprego, favorécese a conciliación e ponse fin á fenda salarial entre homes e mulleres", reivindicou a sindicalista.

A responsábel da CIG lembrou que a media dos convenios estatais que se asinaron en 2021 fixérono con 1,5% de incremento, en tanto que o convenio da conserva fixa unha suba de 6,5%, co pago dos correspondentes atrasos e unha cláusula para os seguintes anos de actualización real ao IPC de cada exercicio.

"O da conserva é o único convenio deste ano no cal os traballadores non perden poder adquisitivo", indicou Rosa Abuín.

Fenda salarial

Desde o sindicato nacionalista destácase que o da conserva será "o único convenio que leva un plus adicional para acabar coa fenda salarial entre homes e mulleres".

Neste sentido, o preacordo contempla a creación dunha comisión técnica que terá por obxectivo equipar os salarios independentemente do xénero ao longo da vixencia do convenio. Para iso, explicaron, "procederase á reclasificación das categorías de maneira que a igual traballo, igual salario, que foi o que estivemos a reivindicar".

Outras melloras

O sindicato nacionalista tamén destaca como outra das melloras deste convenio o feito de que estipule que as traballadoras disporán de 20 horas anuais, fronte ás 16 coas que contan na actualidade, para mellorar a conciliación.

Outra das cláusulas asinadas no preacordo que foi subliñada pola CIG é a que estabelece que 40% das traballadoras que se encontran en situación de fixas e fixas descontinuas de fabricación pasarán a ser oficial de primeira e de segunda. "Porque iso é unha forma de acabar coa categoría máis baixa do sector, que son as auxiliares", sinalou Rosa Abuín.