A Xunta recorta en 25% as partidas para conciliación

Sen corresponsabilidade nin conciliación non hai igualdade real e efectiva. Mais para alén do consenso político ao redor desta reflexión do movemento feminista, a Xunta da Galiza reduce en 25% as partidas de conciliación para o ano que vén.

A oposición critica a caída de orzamento de conciliación para o ano 2022.
photo_camera A oposición critica a caída de orzamento de conciliación para o ano 2022. (Foto: Iván Castro)

O orzamento consolidado para 2022 da Consellaría de Emprego e Igualdade consigna no programa 312G (Apoio á conciliación da vida laboral e persoal e outros servizos de protección social)  un total de 1.998.000 euros, lonxe dos 2.674.000 asignados para 2021. O recorte é 675.000 euros menos: 100.000 afecta a conciliación no ámbito local e 575.248 a medidas de corresponsabilidade.

Esta redución de 25% foi moi criticada esta terza feira, 2 de novembro, na comisión de Economía da Cámara galega, á que acudiu a titular de Emprego e Igualdade do Goberno galego, María Jesús Lourenzá, para expor as contas. 

Na quenda de intervencións, a deputada socialista Carmen Rodríguez considerou que tal recorte “é de todo indecente” e máis cando “quedou demostrado logo da pandemia” que a corresponsabilidade “é un campo que hai que traballar antes que o da conciliación” e supón “unha materia pendente que debemos corrixir canto antes”. A socialista tamén criticou que a Consellaría de Lourenzá “celebre” a diminución do emprego e o crecemento da emigración ao tempo que “deixa sen gastar” 1.540 millóns de euros en políticas de emprego desde o ano 2009. 

O deputado do BNG Daniel Pérez lamentou que o Executivo galego "teña o piloto autonómico" en materia de igualdade, unha área na que pide que se "redobren esforzos" para dedicar "polo menos un de cada 100 euros" das contas da Xunta.

Pola súa banda, Lourenzá fixo fincapé en que as contas de Emprego e Igualdade medran 9,2%, dous puntos porcentuais por riba da media da Xunta.  e suman en total 380 millóns de euros. Os novos orzamentos serán "expansivos tamén na área de Igualdade", dixo, que con 31,4 millóns de euros, crece 14%.

Porén, un dos focos do orzamento de Lourenzá está no escaso incremento que teñen as partidas para a Protección e apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero. Así, as contas da Xunta para 2022 consignan 17'9 millóns de euros fronte aos 14'7 do ano pasado (apenas 300.000 euros de diferenza).

No BNG consideran que as contas de Nuñez Feixoo para 2022 reflicten "que a loita contra a violencia machista non é unha prioridade" do Goberno galego, como tampouco o é procurar unha sociedade máis xusta e democrática en materia de conciliación e corresponsabilidade.

Críticas á Xunta pola falla de execución dos orzamentos

A comisión de Economía do Parlamento tamén acolleu esta terza feira a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. O orzamento deste departamento para 2022 reflicte, segundo indicou a conselleira, unha suba de 1,4% respecto ás contas de 2021, ao ascenderen até os 536,29 millóns de euros, á vez que xestionará outros 102,6 millóns do departamento de Sanidade para ao desenvolvemento de actuacións vinculadas a infraestruturas sanitarias en hospitais e centros de saúde.

Ante os anuncios, a deputada socialista Patricia Otero apuntou que os plans da Consellaría “non contemplan ningunha infraestrutura nova e limítanse a repetir os proxectos que quedaron sen executar de anos anteriores". Como exemplo do incumprimento dos orzamentos, Otero citou as partidas de construción, conservación e explotación de estradas, que a mediados de ano tiñan un nivel de execución de tan só 16%, unha partida que o ano anterior rematou cunha execución de 76,5%, deixando sen executar case un de cada catro euros do orzamento. Ademais, o incremento que rexistrou o apartado de conservación de estradas continúa a ser inferior á perda de 44,6 millóns entre 2018 e 2020.

Pola súa banda, o deputado do BNG Luís Bará acusou a Xunta de estar "no  paleolítico en canto a políticas de mobilidade", á vez que acusou o Executivo galego de ser "un  mini goberno, unha deputación ampliada", como, ao seu xuízo, reflicte a "folla de roteiro marcado pola rutina" que evidencian as contas da consellería para 2022.

Suba da factura da auga

Deter a tramitación da Lei de mellora do ciclo integral da auga, exixiu a oposición á conselleira Ethel Vázquez, instándoa a iniciar un proceso de diálogo e consenso cos Concellos, os principais afectados por este texto e que están a alertar da invasión das súas competencias por parte do Goberno galego. 

Patricia Otero apuntou ao informe elaborado polos servizos técnicos da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que alerta de que unha familia de tres membros que consuman 39 metros cúbicos de auga verá a súa factura incrementada en 60% coa nova norma da Xunta. Nese sentido, sinalou "a alta preocupación das entidades locais, sinaladamente as máis pequenas, que terán serias dificultades para financiar os investimentos aos que obriga a nova normativa". 

Medio Rural fica con 11 millóns menos que en 2009

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, debullou este 1 de novembro no Parlamento as partidas do seu departamento para 2022, destacando que o orzamento incrementa 8% con respecto ao de 2021 "para consolidar as actuacións en materia de prevención, recuperación e calidade".

Mais o certo é que os 629 millóns consignados a Medio Rural para 2022 están moi por baixo dos orzados en 2009, nas últimas contas do Goberno de PSdeG e BNG na Xunta e antes, por tanto, da chegada de Núñez Feixoo a San Caetano. Daquela o crédito inicial foi de 640 millóns, 11 millóns máis que agora, un diferencial que aínda sería moito maior de atender á variación do IPC na Galiza.

Comentarios