A CIG recorrerá a apartación do xuíz Villares da causa sobre a documentación que a Xunta oculta sobre Altri no TSXG
A CIG pide que se inaplique a modificación da composición das seccións terceira e cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), por considerala “unha decisión contraria a dereito”, e anuncia que presentará recurso de reposición contra o cambio de relator no proceso xudicial relativo ao acordo entre a sociedade Impulsa Galiza —empresa público-privada xa extinta e creada polo Goberno galego en 2021 para captar fondos europeos e promover proxectos industriais— e Altri, unha información que publicou en exclusiva Nós Diario esta terza feira. A central sindical nacionalista considera que a substitución do relator constitúe “unha vulneración do dereito ao tribunal predeterminado por lei”.
Esta terza feira, a CIG recibiu unha providencia do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza comunicando o cambio de relator na demanda contecioso-administrativa presentada contra a resolución da Comisión da Transparencia, que non admitiu a reclamación da CIG pola falta de contestación de Impulsa Galiza á petición de información sobre o Proxecto de Altri.
A solicitude da CIG de acceder á documentación a respecto da “iniciativa tractora” para a transformación de madeira en fibra téxtil e a escolla de Altri como “investigador e tecnólogo” non só non recibiu resposta, senón que pouco despois e en pleno período estival, a sociedade público-privada anunciou a súa disolución.
"Vulneración dos dereitos e da doutrina internacional"
A mudanza do relator chega agora tras a controvertida decisión da presidenta da Sala, Azucena Recio, de trasladar xuíces e xuízas das seccións terceira e cuarta, “sen ofrecer ningún tipo de explicación das motivacións desta medida ás partes con litixios en curso”, como é o caso da CIG, e estando ademais “na fase final do proceso, xusto no momento anterior a ditar sentenza”.
Por iso, a CIG reivindica o seu dereito ao xuíz ou xuíza predeterminada pola Lei, enmarcado no dereito fundamental da tutela xudicial efectiva, que exixe que a competencia e a composición do órgano xudicial estean preestabelecidas claramente antes do inicio dos procedementos, co obxectivo de garantir a imparcialidade e independencia destes.
Un principio que queda “en entredito cando non se aclara se os traslados dos maxistrados e maxistradas teñen carácter forzoso, xa que de ser este o caso estaríase vulnerando a doutrina do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, así como a primacía do dereito europeo, ao afastar por acordo gobernativo a un xuíz dos asuntos que tiña atribuídos, sen motivación concreta”.
A central sindical indica que non hai que perder de vista que esta decisión se produce no marco do debate público sobre o actual modelo eólico, “no que se confrontan os intereses das promotoras e da administración pública cos dos colectivos en defensa do medio ambiente e do interese público; e que en moitos casos ten derivado no inicio de procedementos xudiciais pendentes de fallo”, precisamente, na sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, obxecto dos cambios.
A CIG reitera a “improcedencia desta resolución e o seu carácter desproporcionado xa que vulnera o dereito fundamental de tutela xudicial efectiva e compromete precisamente a imparcialidade que debe guiar a acción da xustiza”.

