A CIG pide unha investigación "seria" sobre o 'Pitanxo' e tacha de "bochornosa" a actuación do Estado

O 'Ártabro', buque de inspección do 'Vila de Pitanxo' (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
A CIG pregúntase se as Administracións "teñen algo que oculta"r respecto da traxedia do 'Vila de Pitanxo' e se, coa súa forma de proceder, queren "protexer alguén" ou teñen "algún favor que tapar".

A Confederación Intersindical Galega (CIG) exixiu unha "investigación seria e rigorosa" sobre as causas do naufraxio do Vila de Pitanxo, que afundiu en febreiro de 2022 en augas de Terranova (Canadá) e deixou 21 falecidos, á vez que mostrou a súa "decepción" pola actitude do Goberno español.

O sindicato lamentou que tanto o Goberno do Estado, como a Xunta e a propia xudicatura "van a remolque dos acontecementos" desde que ocorreu a catástrofe, e cualificou a polémica pola recente saída do buque co robot que se mergullará na zona do afundimento como un "espectáculo bochornoso".

Así, despois de que as familias denunciasen que o buque Ártabro, que saíu de Vigo a pasada cuarta feira rumbo a Terranova para localizar o pecio do Vila de Pitanxo (e tratar de esclarecer as circunstancias do afundimento), partise sen autorización nin coordinación coa Audiencia Nacional, que investiga o suceso, a CIG expresou a súa "máxima decepción" polo "esperpento montado" polo Executivo liderado por Pedro Sánchez. "Esperpento que agora vai máis alá", sinalou a central nacionalista.

Así, a CIG pregúntase se as Administracións "teñen algo que ocultar respecto desta traxedia" e se, coa súa forma de proceder, queren "protexer alguén" ou teñen "algún favor que tapar".

"Silencio como resposta"

Segundo lembrou, "desde o primeiro momento", as institucións tiveron "o silencio como resposta", e a Xunta chegou a dicir que había empresas dispostas a facer a expedición de investigación de forma gratuíta. Tamén censuraron que o Goberno estatal "se dedicou a atrasar a toma de decisións un ano e catro meses, cando noutras ocasións similares foi moito máis rápido".

No ámbito xudicial, a investigación, inciden, "pasou da Audiencia Nacional aos xulgados de Marín, e dos xulgados de Marín, de novo á Audiencia Nacional, como se fose unha pataca quente á que ninguén quería botarlle a man".

O Goberno español, con todo, desvinculouse da partida do Ártabro, alegando que a inspección está dirixida pola Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), que é un órgano independente. Así mesmo, fontes do Executivo estatal apuntaron que, a bordo do barco, van peritos xudiciais, un nomeado pola Audiencia Nacional, un da CIAIM, e un perito da Axencia Europea de Salvamento e Seguridade Marítima como observador.