CIG pide o aprazamento das oposicións docentes: “todo o demais é someter miles de persoas a un engano”

(Europa Press)

 

A CIG-Ensino demandou a convocatoria urxente e inmediata da Mesa Sectorial para procurar poñer fin ao que cualifica como “unha situación vergoñenta” derivada, denuncia, da “absoluta falta de seriedade da conselleira e do presidente Feixoo” ao manter as oposicións docentes. O principal sindicato do ensino público demanda unhas condicións ben claras que acompañen o aprazamento” desa convocatoria.

A decisión sobre esta convocatoria depende en exclusiva da Consellería, incide a CIG, que lle pide que non se “esconda”. “Ten todos os datos sanitarios, toda a información sobre a evolución da pandemia así como as previsións do goberno español, tanto ao respecto do confinamento como a paulatina e lenta reincorporación á vida normal. Por se algunha dúbida tiñan, Pedro Sánchez afirmou no Congreso que, con case total seguridade, volverá solicitar unha nova prórroga máis alá do 26 de abril, o que situaría o confinamento, como mínimo, no 10 de maio”.

Lembran que o pasado 2 abril coñecíase que a Consellaría era partidaria de que retrasar esas oposicións se o estado de alarma se mantiña máis alá do 11 de abril. Porén, agora muda de opinión.

Para a CIG o fondo da cuestión é a garantía do mantemento das condicións da oferta de 2020 (reparto de especialidades e prazas) así como a incorporación das prazas necesarias no 2021, para alén de garantir as máximas garantías sanitarias.