A CIG mobilízase para reclamar un novo convenio no sector de transporte colectivo por estrada

Concentración da CIG esta segunda feira (Foto: Nós Diario).
Segundo informou nun comunicado, a central sindical busca retomar a negociación do convenio sectorial de viaxeiros para loitar contra "a precarización e perda do poder adquisitivo" do seu persoal.

A Confederación Sindical Galega (CIG) realizou esta segunda feira a súa primeira concentración para demandar a reunión da comisión negociadora do convenio do sector de transporte colectivo por estrada en Lugo.

Segundo informou nun comunicado, a central sindical busca retomar a negociación do convenio sectorial de viaxeiros para loitar contra "a precarización e perda do poder adquisitivo" do seu persoal.

O convenio

Este convenio tiña vixencia até o ano 2015. Con posterioridade ao conflito xerado na folga do sector a nivel galego polos novos contratos produciuse un acordo marco para o sector en 2017 que determinou a actualización das táboas salariais deste convenio para os anos 2016 e 2017, segundo apunta o sindicato nacionalista.

Despois, en marzo de 2019 produciuse a constitución da mesa negociadora e desde ese momento non se avanzou e a CIG denuncia "parálise".

Desta forma, remarca que no ámbito social é "destacábel" a acumulación do diferencial negativo para o persoal do sector dos IPC reais dos anos 2018 a 2021, que supoñen 8,5% de perda do poder adquisitivo nos salarios e que, na actual situación "ten que ser un claro obxectivo a superar" no proceso da negociación colectiva.

"Clara indiferenza"

Fronte a isto, en palabras da CIG, o persoal de sector "pode contrastar" que existe unha "clara indiferenza das parte da comisión negociadora para que o convenio evolucione".