Pensionistas e xubiladas impulsan da man da CIG unha campaña para reclamar atención presencial: "Non somos inútiles"

Rolda de prensa ofrecida pola CIG esta segunda feira, en Santiago. (Foto: Nós Diario)
O sindicato avanza mobilizacións e a presentación de sinaturas ante a Valedora do Pobo para denunciar a "exclusión dixital" das persoas maiores.

A CIG inicia esta segunda feira unha campaña de recollida de sinaturas para pedir amparo á Valedora do Pobo contra a "exclusión dixital" que viven as persoas maiores cada día na súa relación coas administracións de diferente ámbito na Galiza. Tamén avanza que convocará protestas ante varias sedes da Seguridade Social o próximo 16 de marzo.

Nunha rolda de prensa ofrecida en Santiago, a secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, chamou a atención sobre a "fenda dixital" existente que provoca "desigualdade e vulnerabilidade" entre as e os maiores galegos, que "non teñen medios, nin capacidades, nin paciencia" para afrontar os diferentes trámites aos que lles obriga a Administración sen posibilidade de atención "cara a cara", unha problemática que "se acentuou" na pandemia. Reclama que "non se de deixe atrás" á terceira idade para cuestións tan básicas como a xestión das súas pensións.

Interviron nesta comparecencia ante os medios os pensionistas Xepe García Torres, Xela Fernández, Rosa Martínez e Xosé González para expor as súas experiencias coas trabas ás que se enfrontan diariamente con diferentes administracións —estatal, galega e local—, así como con entidades financeiras e na sanidade. "Sénteste mal socialmente porque pensas que es un inútil", lamentou González, que aclarou: "Non somos uns inútiles".

O obxectivo é entregar o 24 de abril á Valedora os escritos de queixas, para o que comezarán a recoller firmas cun texto que serve como modelo xenérico a enviar contra esta exclusión dixital.

"É imposíbel pedir cita"

De tal forma, Xepe García Torres denunciou que é "imposíbel" pedir cita nas oficinas da Seguridade Social, xa que sempre que se chama por teléfono unha máquina responde que o servizo está "colapsado". Así, obrígase a un trámite de forma telemática, pero mesmo así a cita pode ser no prazo dun mes ou ben é obrigatorio trasladarse a outra localidade. Lamentou que moita xente non pode facer trámites sen recibir axuda mentres se produce unha "redución importante" no cadro de persoal neste servizo.

Na mesma liña, Rosa Martínez apuntou que os maiores deben tratar con intelixencias artificiais nas súas relacións coas administracións públicas, cunha atención presencial restrinxida e sen que se entenda nin sequera o idioma galego. Ante isto, "enfádaste", dixo, pois podes pasar máis de 10 minutos falando cunha máquina sen resultado. Opina que o requisito de cita previa eliminado agora pola Xunta non servirá de nada se non se acompaña de máis persoal.

Pola súa parte, Xosé González lamentou que "o desmantelamento e privatización" da sanidade leva a que se impoñan as consultas telefónicas ou videochamadas no canto da atención "en persoa", "mirando aos ollos", ao que se suman os atrasos en consultas en atención primaria.

Finalmente, Xela Fernández referiuse ao caso das oficinas bancarias, cunha redución de horarios de atención presencial e fechamento de oficinas que leva os clientes maiores a "pelexar coas máquinas" ou ter que recorrer a unha xestoría. Todo iso mentres as entidades obteñen grandes beneficios e impoñen "comisións abusivas".