A CIG espera que a sentenza do TSXG contra Monbus e Alsa “poña cordura” no sector do transporte

Monbus e Alsa concorreron en UTE a varios contratos públicos, un feito que terá que investigar Competencia.
Monbus intentou tamén en Aragón "pór en práctica a manobra" de presentarse a ofertas en UTE, pero o Goberno aragonés "non o consentiu".  

A CIG espera que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que ordena o Consello Galego de Competencia sancionar Monbus e Alsa por indicios de repartirse o mercado de transporte por estrada sirva para “pór cordura” no sector e así “reverter a peor situación que vive na súa historia”.

Nun comunicado emitido esta cuarta feira após coñecerse a resolución do Alto Tribunal galego, o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, cualificou de “incríbel” que a Xunta “permita, promova e ampare” actuacións empresariais como as censuradas pola Xustiza galega na sentenza.

Na resolución, o TSXG considera que existen indicios de que as dúas compañías actuaron en conivencia para repartirse o mercado a través da creación dunha Unión Temporal de Empresas (UTE) coa que concorreron a varios contratos de transporte de viaxeiros por estrada.

A CIG recordou que estas prácticas xa motivaron a presentación de queixas ante a mesa de contratación da Consellaría de Mobilidade e de denuncias a Competencia que foron arquivadas. “Agora, anos despois e cun sector sumido no caos, o propio TSXG ordena á Comisión Galega da Competencia que abra un expediente sancionador a Monbus e Alsa e investigue o que no seu día non quixo investigar”, engadiu.

Así pois, agarda que se chegue “ao fondo” da cuestión para determinar “se realmente existiu conivencia” entre Monbus e Alsa para repartirse contratos “e facerse con algúns dos lotes máis rendíbeis”, entre os que citou a liña Vigo-Ferrol, adxudicada a Monbus, e o transporte metropolitano da Coruña, co que se fixo Alsa.

Mesma praxe en Aragón

Neste senso, a central sindical subliñou que Monbus “intentou pór en práctica” a “manobra” de presentarse a ofertas en UTE en Aragón “pero o Goberno aragonés non o consentiu por entender que supuña unha fraude”.

Así pois, instou á Consellaría que dirixe Ethel Vázquez a deixar de “pórse de perfil”, abandone “a súa política de protección a Monbus” e deseñe un novo plan de transporte “que realmente atenda as necesidades de mobilidade” da Galiza.