O TSXG ordena incoar unha sanción contra Monbus e Alsa por "repartirse o mercado"

Un autobús escolar de Monbus, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Monbus e Alsa concorreron en Unión Temporal de Empresas (UTE) a cinco contratos en 2020.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenou á Comisión Galega da Competencia iniciar os trámites para abrir un expediente sancionador contra Monbus e Alsa "por indicios de que puideron repartirse o mercado" ao concorrer en 2020, a través dunha Unión Temporal de Empresas (UTE), a un concurso público de varios contratos de transporte por estrada. 

En 2021, a Comisión Galega da Competencia arquivou as actuacións a raíz das denuncias que presentaran a CIG e Travieso Consultores de Xestión e Software de Transporte de Viaxeiros. Despois, foi Travieso Software Transporte de Viaxeros a que recorreu a decisión de Competencia.

A sentenza, do 10 de marzo, advirte que a mencionada comisión arquivou o caso "sen realizar a comprobación dos feitos denunciados, existindo indicios racionais de infracción".  Polo tanto, os maxistrados do TSXG decretan a nulidade da resolución da comisión de Competencia

Das 29 concesións que se contrataron, presentáronse a cinco en UTE. Os maxistrados decretaron, polo tanto, a nulidade da resolución da Comisión Galega da Competencia na que se arquivou, sen incoar expediente sancionador, "as actuacións desenvolvidas en virtude das denuncias presentadas, sen realizar a comprobación dos feitos denunciados, existindo indicios racionais de infracción".

"Non foi casualidade"

Na sentenza o tribunal advirte que o feito de que Alsa e Monbus concorresen en UTE a cinco lotes, "entre eles, os catro de maior importancia económica e sen concorrer por separado a ningún dos outros 24 lotes", non pode interpretarse "conforme ás regras da lóxica e as pautas da experiencia, como unha casualidade (caso), senón que ha de considerarse como unha causalidade (causa) dun acordo, previo, para aproveitarse, ademais, de que os pregos permiten concorrer a todas as licitacións".

Ademais, salienta que, desta forma, evítase "a aplicación da cláusula sobre máximas adxudicacións, concorrendo nas outras con outros transportistas, o que constitúe, máis que unha fundada sospeita, un indicio racional e bastante de concerto para obter unha posición dominante, senón excluínte, do transporte público galego, precisando a súa investigación coa tramitación dun oportuno e procedente expediente sancionador".

"UTE innecesaria"

O TSXG advirte que as UTE "resultan anticompetitivas", xustificándose a colaboración entre varias empresas cando, pola súa capacidade financeira ou técnica, "necesiten complementarse, maiormente cando da unión se deducen eficiencias para os consumidores". Con todo, destaca que, neste caso, "en modo algún acredítase nin a necesidade nin os efectos beneficiosos".

A Comisión Galega da Competencia, segundo o fallo, "non analizou nin comprobou se a distribución dos lotes favorece a Alsa e Monbus, imposibilitando a concorrencia das de menor entidade, nin se se falsea a libre competencia ou se adecúa ás esixencias do mercado".

Contra a sentenza do TSXG cabe presentar recurso de casación.

Monbus recorrerá a sentenza

Após coñecer o contido da sentenza do TSXG, Monbus defende que "sempre actúa con absoluto rigor e integridade", polo que interporá un recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza do TSXG. 

Segundo informan fontes da empresa, os servizos xurídicos de Monbus "están a analizar" a sentenza, que aínda non é firme. Con todo, non comparten o contido da mesma porque "tal e como se acreditou e xustificou no seu día, non houbo práctica restritiva algunha". Ademais, a empresa asegura que "sempre actúa con absoluto rigor e integridade dentro da legalidade, tanto ao concorrer a un concurso público como en calquera outro aspecto do desenvolvemento da súa actividade".