Ensino

A CIG advirte que a proposta de Feixoo dunha ABAU común para as comunidades do PP "atenta contra a autonomía da Galiza"

Exames de ABAU en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

A principal central representativa no ensino público considera estas declaracións do líder do PP español e 4ex presidente da Xunta da Galiza como “un mero brinde ao sol que só reflicte a política reaccionaria que está practicando no Estado español”.

Inviábel técnica e loxisticamente, para alén de ir contra a autonomía da Galiza. Así resume CIG-Ensino, principal forza sindical no ensino público na Galiza, ao anuncio de Alberto Núñez Feixoo dunha ABAU común para as 11 comunidades gobernadas polo PP.

“A última ocorrencia para facer oposición política volve demostrar que “todo vale” na demagoxia e no populismo que practica o presidente do PP español”, sinala esta central. Para a CIG-Ensino, Núñez Feiixoo non só se erixe nun novo cargo creado por el mesmo de “presidente das CCAA gobernadas por un partido político”, senón que atenta contra o Estado das Autonomías e neste caso contra Galiza, que presidiu durante 14 anos.

Nesta ocasión, afirma o sindicato, a súa proposta vai en contra totalmente das competencias que teñen transferidas as Consellarías de Educación e en contra da normativa vixente que estabelece que “son as administracións educativas, en colaboración coas universidades, as que organizarán a realización material das probas que configuran a avaliación de Bacharelato para o acceso á universidade”. Este texto, de forma literal, recóllese tamén no artigo 11 do proxecto de Orde ministerial que regula estas probas para este ano 2024, ao que igual que na orde de anos anteriores.

Así pois, a CIG-Ensino rexeita as declaracións do ex presidente da Xunta “tanto porque vulnera a autonomía de Galiza e das súas universidades, como polo fondo da proposta”.

En concreto, o sindicato maioritario no ensino público matiza os tres puntos aos que se referiu Fixoo, “que serían probas con contidos e criterios de corrección comúns e simultáneas”. Con respecto ao dos contidos comúns, “para levalo á práctica é preciso cargarse parte dos currículos das materias de Bacharelato que lle corresponde deseñalos ás administracións autonómicas”.

“Nestes intres hai necesidades máis imperiosas nas que teñen que traballar as Consellarías de Educación, e en concreto a galega, que porse a revisar os contidos desta etapa educativa para facelos coincidentes cos das autonomías que actualmente goberna o PP. En todo caso, se se procede a esta revisión, a CIG-Ensino sempre demandará que se adecúen á realidade da sociedade galega e non que se censuren contidos cunha intencionalidade claramente ideolóxica como aconteceu en varias ocasións”, apuntan desde a central sindical.

Mais para a CIG no que demostra un maior descoñecemento Núñez Feixoo sobre como se realizan estas probas é cando fala de datas simultáneas e criterios de corrección comúns. “Polo que respecta ao primeiro punto hai comunidades que teñen festividades autonómicas durante os días de celebración das mesmas e sobre o segundo, a proposta do líder da oposición do Estado español é totalmente inviábel”.

Alén de que as probas de ABAU teñen unha repercusión social enorme e non se pode xogar co alumnado mudándolle as regras de xogo “ao albor de ocorrencias oportunistas”, para a CIG-Ensino se existe algún debate arredor da igualdade destes exames no Estado español este é “artificioso e demagóxico”. A nota de acceso á Universidade segue ponderándose co 60% a media do Bacharelato e 40% acadada na ABAU. É dicir, “o que pretende regular ou igualar o señor Feixoo, aínda que sen soporte normativo e só mediante un acordo de colaboración entre comunidades, é o que pondera menos na nota de acceso”.

Con todo, “este contubernio político, imaxinamos que dirixido por el, non pretenderá deixar fóra as universidades que tamén teñen un papel relevante e que son moitas e moi diversas nas distintas autonomías”, insisten desde a CIG-Ensino, á vez que chaman a reflexionar sobre a principal desigualdade que segue existindo neste sistema de acceso, a diferenza entre as notas medias de Bacharelato entre os centros públicos e os concertado/privados, “unha cuestión que nin sequera menciona o líder do PP, malia que está cuantificado ano tras ano o importante desfase existente entre as cualificacións obtidas polo alumnado de uns e outros centros”.

 En concreto, segundo un estudo do Observatorio do Sistema Universitario de 2023 a nivel estatal o alumnado de centros concertado/privados con notas entre 9 e 10 no Bacharelato é un 53% maior que o de centros públicos. “Parece que esta problemática, que tamén ten un marcado compoñente ideolóxico, non semella interesarlle ao líder do PP que se aborde para tratar a equidade no sistema de acceso á Universidade”, conclúen desde a CIG-Ensino.