A CIG-Ensino denuncia o uso de "publicidade neofascista" nunha charla sobre convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos
O sindicato aféalle á Consellaría de Educación que non lle preocupe a "neutralidade ideolóxica" cando se trata de ideas ultradereitistas que xeran problemas de convivencia social e educativa.
A CIG-Ensino alerta dunha crecente "normalización e consolidación" nas aulas dos centros educativos galegos de "tendencias perigosas" relacionadas coa ideoloxía de ultradereita. "Hai tempo que o profesorado vén detectando que a mocidade manifesta comportamentos relacionados cun ideario racista, antifeminista ou homófobo, todo aderezado de discursos sustentados no odio de clase, etnia ou de xénero", explica a centrar nacionalista nun comunicado no que censura o impacto destes argumentos no "normal desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe", con máis problemas de convivencia e maior preocupación por parte dos equipos docentes.
Neste contexto, o sindicato maioritario no ensino público da Galiza vén de denunciar a divulgación de contidos relacionados coa ideoloxía de ultradereita nunha charla impartida a semana pasada en centros educativos de Ourense no marco do Plan director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e das súas contornas, iniciativa dos Ministerios de Educación e de Interior.
"O feito denunciado é de tremenda gravidade, dado que estas actividades se equiparan á docencia e, neste caso, o 'material didáctico' empregado polos membros da Policía Nacional diante de alumnado menor de idade foi publicidade do partido ultradereitista Vox", asegura o sindicato, que tacha de "grave e incomprensíbel" que alumnado dos centros educativos galegos estea recibindo mensaxes de ideoloxía neofascista, "mencionándose de forma expresa un partido político de ultradereita que a nivel estatal está dando a batalla cultural pola hexemonía ideolóxica, intentando condicionar a axenda mediática e política, adoptando para conseguilo estratexias de provocación constante a través de fake news", mesmo denunciadas publicamente por alumnado do ensino público.
Desinformación
Segundo o relato da CIG-Enisno, persoal da Policía española acompañou o seu discurso dun cartel publicitario de Vox no que contrapón supostas achegas económicas á rapazada migrante non acompañada e ás persoas pensionistas para aclararlle ao estudantado que "isto é liberdade de expresión e non un delito de odio".
"Non se lle explicou á rapazada que esta imaxe tivo que levarse á Fiscalía para dirimir se era unha cousa ou a outra pola súa, cando menos, 'tendenciosidade'. Por suposto tampouco se contrastaron que os datos mencionados no cartaz –neste 2026 a pensión no contributiva está fixada en 628,80 euros mentres que un menor non acompañado non recibe asignación económica directa e é moi difícil cuantificar o investimento realizado na súa manutención– sexan reais, nunha estratexia de manipulación e de desinformación á que o profesorado galego tamén está acostumado e que ten que contrarrestar diariamente nas aulas filtrando o que é propaganda do que son fontes oficiais de información", sinala a CIG-Ensino no seu comunicado.
O Plan Director é unha iniciativa dos Ministerios de Educación e Interior que levan a cabo nos centros de ensino membros da Policía española e da Garda Civil, "para previr riscos e mellorar a seguridade escolar, en temas como o ciberacoso, violencia de xénero, drogas, racismo e riscos tecnolóxicos, e para promover valores de convivencia, igualdade e respecto", algo que, segundo a central nacionalista "se incumpriu no feito denunciado".
"Neutralidade ideolóxica"
"Asistimos á presenza da extrema dereita 2.0 dentro das aulas ante a pasividade da Consellaría de Educación, que si se preocupa de censurar a actividade docente de quen si está lexitimado e formado para traballar co alumnado", recrimina a CIG-Ensina ao goberno da Xunta que en xuño de 2025 publicou unhas instrucións dirixidas aos centros educativos advertindo que as actividades complementarias debían "apostar pola neutralidade ideolóxica como base da pluralidade e do respecto ás liberdades individuais".
"A fiscalización do traballo do profesorado, censura e desconfianza amosada de forma contundente por parte da consellería parece que non é aplicábel aos discursos neofascistas aos que se lle dá entrada nos centros educativos de titularidade pública e privada, nestes últimos financiando a segregación do alumnado por xénero até que unha sentenza obrigou a suspenderlles o concerto a raíz dunha denuncia da CIG-Ensino". Conclúe o sindicato.
