"O profesorado non aguanta máis": a CIG-Ensino convoca dúas novas xornadas de folga e urxe a Xunta a negociar
A CIG-Ensino vén de anunciar a convocatoria de dúas xornadas de folga no ensino público galego os días 28 e 29 de outubro, tras considerar que a Consellaría de Educación continúa inserida no "inmobilismo" malia o "éxito" da mobilización de profesorado do pasado 25 de setembro. O sindicato responsabiliza a Xunta da Galiza da "falta de avances" e empraza o conselleiro, Román Rodríguez, a abrir negociacións "urxentes" para alcanzar "melloras reais" nas condicións laborais e no sistema educativo.
Nun comunicado, a central sindical nacionalista lembra que a folga do 25 de setembro foi "a máis contundente dos últimos anos", con milleiros de docentes e familias mobilizadas pola falta de persoal e medios, especialmente na atención á diversidade. A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, advertira daquela que "o profesorado do ensino público non aguanta máis" e que, se non hai rectificación, "este será un curso de mobilizacións que non cesarán até conseguir avances".
A CIG-Ensino acusa a Consellaría de intentar acalar o malestar docente con medidas parciais orientadas a "neutralizar a mobilización", como o adianto dalgunhas vacantes ou do pagamento de nóminas ao persoal substituto, mentres persisten problemas estruturais. Entre as principais demandas figuran a baixa das ratios en todas as etapas educativas, a recuperación do horario lectivo previo aos recortes de 2011 e 2012, un plan real contra a burocracia, incrementos salariais lineais e a redución da xornada laboral a partir dos 55 anos.
Tamén reclaman medidas efectivas para garantir a atención á diversidade, como o aumento de profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, máis orientadores e a posibilidade de autorizar desdobres e programas de diversificación curricular en todo o país.
A central sindical, que convoca as folgas en consenso co STEG, sinala que desconvocará estas e outras accións que ten previsto levar a cabo nos próximos días se a Consellaría dá pasos veraces que poidan plasmarse nos orzamentos para o vindeiro ano, que se van debater e aprobar no Parlamento galego o próximo mes de decembro. "É por isto a premura de que se inicie canto antes esta negociación", conclúe o comunicado, facendo ademais un chamamento ao resto de organizacións sindicais, en especial ás tres que asinaron o Acordo de Melloras —UXT, CCOO e ANPE— a sumarse a estas mobilizacións e "defender a vontade maioritaria do profesorado".

