A CIG-Ensino chama a rescatar o galego nas aulas apos 15 anos do "De(s)creto" de Plurilingüismo
"Eu ensino en galego", o lema da campaña coa que a CIG-Ensino quere amosar o compromiso docente coa lingua e reverter os rexistros mínimos de uso e competencia por parte dos falantes máis novos, comezou a circular por escolas e institutos da Galiza ao mesmo tempo que o profesorado retomaba nas rúas a súa loita contra "os recortes e a propaganda" da Consellaría de Educación.
Desta maneira, o inicio do curso mobilizou o sindicato maioritario no ensino público galego para reclamar melloras laborais e educativas, mais tamén para poñer o foco sobre os efectos de 15 anos de "De(s)creto para a nosa lingua", lema dunha segunda campaña, complementaria da primeira, que explica con cifras e exemplos concretos tanto o afundimento do uso do galego como o papel da escola como "axente desgaleguizador" ao longo dos últimos tres lustros.
A CIG-Ensino presentou esta cuarta feira os obxectivos desta dupla campaña, cuxa filosofía, resumiu a secretaria nacional Laura Arroxo, é achegar unha visión "positiva e posibilista". "Cremos firmemente que é posíbel reverter a situación de emerxencia lingüística actual" e para iso, dixo, é ineludíbel "unha aposta real polo galego no sistema educativo".
A central nacionalista defende a galeguización do ensino como elemento chave para a recuperación de falantes e do prestixio da lingua, por iso chama a comunidade docente a se converter en axente activo de normalización entre o alumnado e a visibilizar o seu compromiso en primeira persoa, dando conta tamén do seu emprego diario do galego nas aulas, nas actividades extraescolares, na súa relación coas familias ou coa administración, no Abalar, na aula virtual ou no E-Dixgal, a través do material de apoio que reforza a campaña "Eu ensino en galego": chapas, colantes, calendarios e imaxes virtuais para compartir en redes sociais con ese lema reivindicativo.
Acción e denuncia
"Lanzamos esta campaña para combater a política lingüística da Consellaría de Educación, que segue sen derrogar o Decreto do Plurilingüismo, o principal, aínda que non único, responsábel de que unha xeración enteira de persoas mozas nos últimos 15 anos saia do sistema educativo sen dominar a nosa lingua", destacou Laura Arroxo. Para a CIG-Ensino foron 15 anos de "de(s)creto", denunciou Ana Rodiño, docente de Lingua e responsábel de Formación. A normativa que vetou nas aulas as Matemáticas, a Tecnoloxía e a Física e Química en galego non fixo máis que "desvalorizar a nosa lingua, quitándolle prestixio e desterrándoa de moitas etapas educativas nas que nin sequera se mantén un status ritual, como a educación infantil nas cidades ou a FP", sinalou Rodiño.
Os datos oficiais, dixo, corroboran os efectos do decreto. "Por primeira vez na historia o galego é a lingua menos falada no noso país. Os datos do IGE sitúan a porcentaxe de galegofalantes nun 46% fronte a un 53% de castelanfalantes e no caso da poboación entre 5 e 14 anos, apenas fala galego 16%". O galego diminuíu en todos os contextos do ámbito educativo, reiterou Rodiño, polo que "só cunha implicación moi activa do profesorado, que ten que facer o que non fai a Xunta da Galiza, se pode reverter esta situación".
As campañas divulgativas que vén de presentar a CIG-Ensino "son unha ferramenta máis" para o rescate do galego, concluíu a docente Sofía Rama quen tamén defendeu o Proxecto Lingüístico de Centro "como un recurso vivo e eficaz para a normalización partindo do contexto e das particularidades de cada colexio, instituto ou centro educativo, que sempre son diglósicas".
Entre outras propostas de acción para lograr que o alumnado adquira competencia e teña un dominio suficiente das linguas oficiais, a CIG-Ensino "recomenda que o galego sexa a lingua de acollida para o alumnado migrante e que se reforce o seu uso en contextos maioritariamente castelanfalantes".
Melloras laborais
Persoal non docente, da administración e de servizos dos centros de ensino concentrouse esta cuarta feira diante das xefaturas territoriais de Educación convocado pola CIG para demandar a negociación dun acordo de condicións de traballo que recupere e mellore os seus dereitos. Ademais, exixen a negociación de ratios para o persoal non docente, subalterno e limpador, "xa que hoxe na pública xa superan as da privada"; das funcións a desenvolver nos centros de ensino, co fin de "parar os abusos", e a recuperación salarial.

