Denúnciao a CIG

O curso escolar 2022/2023 sofre un recorte de 59 unidades en Infantil e Primaria

Primeiro día de curso no ano 2021. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría aproveita as datas de verán para fechar centros e recortar unidades e postos de traballo no ensino público.

Malia que a Xunta defende que o próximo curso haberá 130 aulas máis de Infantil e Primaria que antes da pandemia, a CIG denuncia que, segundo a orde publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) da modificación do catálogo de unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería, a administración autonómica "pecha un total de 59 unidades".

O departamento que dirixe Román Rodríguez asegura que o curso que comeza en setembro contará cun total de 7.581 aulas de Infantil e Primaria en funcionamento, o que supón, asevera, "130 aulas máis que as 7.451 do curso 2019/20". 

En canto ao número de alumnos, segundo os datos trasladados pola Xunta, no curso 2019 había en Galicia 137.275 alumnos en Infantil e Primaria, mentres que para o próximo curso hai matriculados 128.081, 9.184 menos. Con esta distribución de unidades e a dotación de "todo o profesorado necesario para atendelas", a Consellería considera que "se dá resposta ás necesidades dos escolares matriculados no sistema público" en Infantil e Primaria.

 

 

Porén, a CIG denunciou que, en base aos datos recollidos no DOG desta sexta feira, a Consellería "suprime 33 unidades en Educación Infantil e 26 en Educación Primaria". A central sindical critica que, con estas 59 unidades menos, hai "case 100 docentes menos no sistema educativo galego nos niveis de Infantil e Primaria". 

Para a CIG, isto demostra que a Consellería "segue adiante coa política de desmantelamento da educación pública" e que "antepón criterios economicistas á calidade da educación". Así mesmo, censurou que o "desmantelamento" incide especialmente na atención ás necesidades educativas específicas que, na súa opinión, "vai redundar na masificación das aulas debido ao incremento das ratios e a imposibilidade de realizar desdobres". 

O sindicato nacionalista considera que a Consellería "volve perder unha oportunidade para comezar cunha baixada das ratios" que permitiría ao profesorado "aumentar a calidade da educación" e asegura que continuarán pedindo á Xunta que "aproveite a baixada de poboación en idade escolar para rebaixar as ratios e reducir o horario lectivo do profesorado" e "non como unha posibilidade de aforrar diñeiro".

 

Chaman á folga ao persoal da Galiña Azul, centros de día e residencias xestionadas pola Xunta