Social

CIG denuncia que o Sergas deixa sen contrato o persoal temporal con COVID-19 mentres está de baixa

Corredor hospital.
A CIG-Saúde asegura que o Sergas non está a renovar os contratos das profesionais que están a traballar con contratos temporais de pouca duración que dan positivo en COVID-19.

A CIG-Saúde denuncia que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non está a renovar os contratos das profesionais que están a traballar con contratos temporais de pouca duración que dan positivo en COVID-19. Así, estas traballadoras quedan sen contrato até que estean de alta e, mentres dura a súa baixa laboral, non lles conta o tempo traballado. 

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, salienta que "o paradoxal desta situación é que cando estas traballadoras se recuperen do contaxio do virus, volverán traballar con toda a intensidade que a situación require nas unidades de COVID, nas UCIs e no resto de servizos da sanidade pública". "Iso si, seguirán instauradas na precariedade laboral e nos contratos por días", critica.

Desde a CIG-Saúde lamentan que o Sergas "segue a contratar ao persoal por días, semanas ou por períodos curtos de tempo, en vez de facer un único contrato mentres dure a situación".

Por iso, exixe ao Sergas que "renove os contratos a todo o persoal en IT (baixa laboral)", algo que segundo Abuín se pode facer "mediante un alta administrativa na Seguridade Social". Un sistema que xa está acordado na mesa sectorial para os permisos por maternidade.

Dobre penalización

María Xosé Abuín sinala que con esta medida o Sergas ocasiónalle unha "penalización" a estas persoas xa que ao non ter un vínculo laboral, o período de IT non vai ser computado como servizos prestados a efectos de baremación para os procesos de selección temporal e na Oferta Pública de Emprego (OPE).

"Este é o premio do Sergas ao persoal temporal. Se te contaxias do virus no desempeño do teu posto de traballo, penalización no recoñecemento dos servizos prestados, xa que estes só se bareman cando existe un vínculo laboral", manifesta Abuín.

Neste sentido, a secretaria nacional de CIG-Saúde lembra as palabras do presidente da Xunta, que afirmou que no persoal sanitario son "heroes". "En toda historia hai heroes e viláns. Se as traballadoras do Sergas son heroínas xa sabemos entón cal é o seu papel", sostivo.